Volve a Cariño a decana das mostras de teatro galegas

As funcións serán do 9 ao 21 do mes de agosto
Xurxo Couto e Alonso Pumar, durante a presentación da Mostra. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xurxo Couto e Alonso Pumar, durante a presentación da Mostra. (Foto: Nós Diario).

Como practicamente todo nesta "nova normalidade" que nos tocou vivir, será moi diferente ás anteriores, pero a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a decana na Galiza, non quere que isto sexa unha escusa para non desenvolver a que será a súa XLII edición.

Adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención ante a Covid-19, a Mostra de Teatro Galego de Cariño terá lugar entre o 9 e o 21 de agosto, co obxectivo de congregar nesta localidade da comarca de Ferrolterra "as mellores compañías teatrais de público infantil e adulto" en diferentes espazos do municipio: o auditorio, a Praza do Campín, o local social da Casa do Concello e, de modo itinerante, por distintas prazas e rúas.

Durante a presentación do certame, que tivo lugar durante a xornada de onte, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que "o Concello fixo un traballo intenso para que esta edición da Mostra, que vén marcada totalmente polo coronavirus, puidese celebrarse e non perdésemos esa regularidade dunha das citas culturais máis importantes do verán".

Pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, referendou a cobertura do ente a este tipo de eventos "que hai que apoiar, porque representan o que defendemos: que a cultura non só se ten que celebrar nas grandes cidades, se non que debe expandirse por toda a sociedade", e valorou moi positivamente "que concellos como Cariño leven a cabo mostras de teatro como esta".

Oferta para todos os gustos (e petos)

O teatro na rúa, na  Praza  do  Campín, seguirá sendo gratuíto, como é habitual, pero desenvolverase nun recinto fechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para acceder na web www.reservas.gal.

No que respecta ás obras que se representarán no auditorio, o prezo será de un euro para o teatro infantil e de cinco para o adulto. Ademais, cabe a posibilidade de adquirir un bono para todas as funcións.

Entre os espectáculos programados destacan Aguillóns de Ortegal, unha creación específica da compañía Barafunda para a Mostra de Teatro de Cariño que, ademais, será a obra inaugural; ou Electra, da portuguesa Companhia do Chapitô. 

Comentarios