A Praza do Teucro acolle o festival 15 Bolos os días 18 e 19 de xullo

Volume emerxente e local para abrir un verán musical en Pontevedra

Co programa do verán xa na rúa, a música volve ter na capital do Lérez un carácter protagonista indiscutible.

IMG_0791
photo_camera Un momento do 15 Bolos-2016

A música é protagonista e non só a través dos artistas xa consagrados no panorama que encherán as prazas durante as festas patronais de agosto. A aposta na música emerxente vén sendo, dende hai unha década, unha das claves culturais do Concello de Pontevedra. O festival 15 Bolos, que terá lugar na praza do Teucro os días 18 e 19 de xullo, é un bon exemplo de como as bandas locais poden chegar a facer parte dun programa amplo, e estabelecerse sen problema no mesmo; e, mesmo, converterse nunha das citas musicais máis coñecidas da cidade, tanto como para ocupar unha das principais prazas do casco histórico. Toca afinar os instrumentos.

Pontevedra pode gabarse de movemento e proxección musical nos últimos tempos. O certo é que, segundo as últimas enquisas, habería unhas cen agrupacións musicais en activo na cidade. Por suposto, hai niveis de profesionalización e de traballo, mais na última década a xuventude pontevedresa mostrou unha especial preocupación á hora de crear cancións. Non é casualidade. Foi no 2008 cando o Local de Música abriu as súas portas. Naquel momento, a súa construción englobouse dentro da Rede Nsaio, promovida pola Xunta de Galicia, que creou diversos espazos de carácter público nas vilas galegas para seren usados como locais de ensaio pola veciñanza. O certo é que, após a chegada do PP á Xunta, o proxecto foi desbotado e cada concello asumiu as competencias da súa xestión (no caso de Pontevedra, o Local de Música, o seu nome oficial actual, depende do Departamento de Xuventude), normalmente a través dunha concesión por varios anos á empresa elixida.

A rede Nsaio resultou un proxecto un tanto falido, mais as bases que sentou -as de poder acceder a un espazo onde ensaiar gratuitamente e ao que acudir só co instrumento e poder tocar- son lembradas con respecto e agarimo. Mentras que noutras vilas os locais foron mudando nun paulatino abandono, en Pontevedra tratouse de crear un espazo que fose máis aló dos ensaios matutinos, e aglutinara experiencias musicais alén de servir como punto de encontro para a formación, a gravación, o directo, etc... O Local de Música converteuse, co paso dos anos, nun espazo propio e coñecido na vila, no que se dan cita tanto artistas experimentados como amateurs. Thee Blind Crows, por exemplo, dúo de garage, blues e punk que hoxe goza dun recoñecido éxito nos circuítos musicais, deron os seus primeiros pasos entre as súas paredes. É o Local de Música o que plantexa e organiza os 15 Bolos, así coma o Fest (un concurso tamén musical, acontecido no Teatro Principal, e que ten por premio a gravación dun videoclip profesional). É, por así dicilo, un centro dinamizador máis do que un local de ensaio, aínda que para moitos así siga sendo.

IMG_0739A posibilidade de ensaiar gratuitamente xerou novas xeracións de músicos que recoñecen o seu valor. Un dos maiores problemas das bandas é atopar un espazo onde poder exercer o seu “dereito ao ruído” sen molestar a terceiros (algo que non soe ser doado). Os bateristas son uns dos grandes beneficiarios de teren un espazo onde poder practicar sen perturbar a todos os veciños. A opción de alugar unha sala privada soe escapárselle do presuposto ás bandas noveis, polo que o Local de Ensaio asumiu unha necesidade cultural básica de servir como un trampolín que tamén axuda a outras iniciativas privadas polo seu propio impulso. Rapaces que co tempo buscan o seu propio espazo no que crecer aínda máis, usar o seu propio material, e cumprir outras preocupacións do eido musical (aínda que sempre poden voltar ao berce que é o Local).

Os 15 Bolos, que colle o seu nome do número de concertos que oferece o festival, ten unha función de espello de toda esa efervescencia musical local. A través dun concurso (cunha votación aberta e pública no propio Local), selecciónanse as bandas que conformarán o cartel da correspondente edición. Unha actuación pagada no mesmo centro da vila é sempre unha boa ocasión para mostrar o mellor directo que a banda posúe. Por outra parte, cada ano, unha das agrupacións ou artistas seleccionados, abre un dos concertos da Peregrina. Neste 2017, Solfabirras serán os encargados de quentar o público antes da actuación de Mago de Oz. Unha oportunidade única para tocar ante milleiros de persoas. O programa complétase previamente, coas actuacións o día 18 de xullo de Anodhor, Millo Loco, Stock, Los Puta Mierda, Chirri Bomb e Miguel Alberte; e o día seguinte coas de Onion Smile, Nasty Loopers, Australia, Black Dog, Nagai, Bohr e The Trunks.

Os 15 Bolos, que colle o seu nome do número de concertos que oferece o festival, ten unha función de espello de toda esa efervescencia musical local

Aínda que predomina o rock, de maneira xenérica, outros estilos como o rap, o pop, ou o blues; tamén aparecen e dan boa conta das súas cancións nos 15 Bolos. Por suposto, os concertos son de balde; e a día de hoxe posúen un nivel musical que deixa atrás a palabra novel, e toma totalmente a de emerxente. Algúns dos nomes que se subirán ao escenario mañá na Praza do Teucro levan xa varios festivais a súas costas, e en Youtube atópase unha boa selección das súas pezas. Miguel Alberte por exemplo, xa participou no Galegote Rock; así coma Los Puta Mierda e Chirri Bomb formaron parte dunha das festas previas ao Surfing the Lérez, festival que un ano máis, mostrouse como un dos máis orixinais e especiais da comunidade galega.

Á marxe dos 15 Bolos e as iniciativas do Local de Música, creáronse tamén sinerxías entre músicos e xuventude, con actividades coma o Rocklab; que leva o xénero das guitarras distorsionadas até os máis pequenos. Nese eido de preadolescencia, Pontevedra situouse no mapa grazas o éxito sen parangón dos Furious Monkey House e o seu derroche de talento e enerxía sobre o escenario. Un grupo formado por menores de catorce anos, agás o seu profesor de música; e que soa nas principais emisoras de radio da Península. Outras agrupacións pontevedresas como Bala, Cuchillo de Fuego, Diola, Tractor Troy ou Glitter & Litter, reflicten o bon ambiente musical da cidade; a través dos seus directos por todo o país, e as boas críticas que reciben alá onde van.

Comentarios