'A voltas co baile', análise da tradición no Museo do Pobo

O Museo do Pobo conmemora o Día da Danza cunha xornada de reflexión sobre as aplicacións do baile tradicional na danza contemporánea. Esta sexta feira a partir das 18:30 horas.
montagem
photo_camera Jaime Pablo Díaz e Janet Novás integran o 'A voltas co baile'. (Foto: Nós Diario)

O Museo do Pobo conmemora o Día Internacional da Danza coa xornada “A voltas co baile”, que decorre na sexta feira 30 de abril e que procura a reflexión arredor das aplicacións contemporáneas do baile tradicional.

Un evento que suma neste 2021 a súa primeira década e no que xa se reflexionou arredor da influencia europea e americana no baile galego ou sobre as problemáticas e inquedanzas do baile tradicional na actualidade e a declaración desta danza como Ben de Interese Cultural (BIC).

O Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo, organizador das xornadas, decidiu dedicar a sexta feira á reflexión arredor das aplicacións actuais do baile tradicional, “presente xa non só nas festas como ferramenta de divertimento e socialización, ou nos escenarios como mostra e representación de festexos pasados”, explican, senón “como patrimonio cultural vivo, é usado hoxe en día en diferentes disciplinas e profesións, tales como a educación regrada, a terapia ou a danza contemporánea”.

Así, a xornada de relatorios, que dará comezo ás 18.30 horas e para a que é preciso reservar praza por mor das restricións sanitarias da Covid-19, contará coa intervención de Uxío Leira, profesor de Educación Física; Bea Díaz, fisioterapeuta pediátrica e psicomoticista; e os bailaríns Janet Novás e Jaime Pablo Díaz, que dialogarán sobre as experiencias de cada un.

A temática dos relatorios

“A voltas co baile” bota a andar co profesor Uxío Leira, que con outros mestres e profesoras leva 12 anos achegando o baile tradicional ás aulas en proxectos como o recente “Mar de muiñeiras”. No seu relatorio narrará a súa experiencia profesional e afondará na aplicación do baile tradicional no sistema educativo oficial.

Ás 19 horas, Bea Díaz, fisioterapeuta e psicomotricista, falará sobre como o baile e a música tradicional inflúen no desenvolvemento psicomotor das crianzas desde idades temperás.

Fechan o programa, ás 20 horas, Janet Novás e Jaime Pablo Díaz, que falarán sobre a aplicación do tradicional na danza contemporánea, pois os dous teñen unha longa traxectoria nesta disciplina, da que son tamén creadores, Novás desde a súa compañía e Díaz na dirección de Nova Galega de Danza.

Comentarios