‘A volta dunha ausencia’, un paseo pola arte de Pepe Galán

A obra do escultor estará exposta até o próximo 20 de maio no centro Torrente Ballester de Ferrol

Encaixa 6, 2018. Cartón e pintura. 69x74x20cms.
photo_camera Encaixa 6, 2018. Cartón e pintura. 69x74x20cms.

Após unha carreira de décadas, o coruñés Pepe Galán (1955) amosa un percorrido pola súa obra a través do espazo e do tempo. A mostra ‘A volta dunha ausencia’ poderá ser visitada no centro Torrente Ballester de Ferrol até o próximo 20 de maio en horario de 11 a 14 horas e de 19 a 21:30 horas (segunda feira fechado). Após esta iniciativa, impulsada polo Concello, a exposición viaxará até Lugo e Ourense.

 

‘A volta dunha ausencia’ está composta por 40 obras, algunhas delas de grande formato, e catro instalacións de vídeos coas súas correspondencias escultóricas. Moitas destas pezas ilustran o estilo das primeiras etapas de Galán, nas que existe unha reflexión sobre a luz nos tecidos en volume, a concepción do enchido e o baleiro nos metais, e a sutileza dos límites no arame ou no cartón. “Todo este proceso creativo e de investigación lévanos a un territorio conceptual e físico en conexión, como unha bola de fíos coas puntas imantadas”, explican desde o centro Torrente Ballester.

 

Obras como ‘Ferrol, ‘Carga de Dignidade’ serán expostas nesta mostra que anuncia o retorno de Galán após a parada técnica que tomou ao finalizar a súa retrospectiva no Kiosko Alfonso da Coruña, no ano 2010. Alén de poder seguir as pegadas da súa traxectoria, o público poderá ser testemuña das novas pezas e series que o artista presenta, sempre cunha constante referencia á memoria histórica e coa escultura como principal vehículo de expresión. O uso do aramio, a licra, o cartón ou o vídeo documental marcan unha clara distancia coa súa produción anterior.

 

Comentarios