Do 20 ao 22 de abril

Voces poéticas internacionais en Pontevedra

A oitava edición do festival Ponte Poética, que se celebrará esta fin de semana en Pontevedra organizado polo concello, xuntará voces poéticas internacionais. De Galiza a Occitania, de Catalunya a Irlanda, de Portugal a Euskal Herria.
 

Mª Xosé Queizán
photo_camera A escritora María Xosé Queizán, que participa no Ponte Poética.

Ás cinco e media da tarde da sexta feira -20 de abril-, un recital abrirá o certame. Del farán parte as galegas María Xosé Queizán (Vigo, 1939), Manuel Rivas (A Coruña, 1957) e Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) e mais a portuguesa Filipa Leal (Poro, 1979). Será no Teatro Principal.

A seguir, no mesmo recinto, lerán poemas a galega Miriam Ferradáns (Bueu, 1982), a occitana Aurélia Lassaque (1983) e o irlandés -tamén tradutor de poetas galegos ao inglés- Keith Payne (Dublín). Á noite, no pub El Pequeño, haberá videopoesía e performance a cargo de Lassaque e Portela.

O sábado 21 de abril, o Teatro Principal acollerá a poeta de Iparralde Itxaro Borda (Baiona, 1959), a catalá Dolors Miquel (Lleida, 1960) e o berciano Juan Carlos Mestre (Villafranca, León, 1957). Será ás cinco e media da tarde. Ás sete, tamén no Principal, decorrerá o “recital de clausura, que reunirá todas as autoras participantes e presentará Yolanda Castaño (Compostela, 1977), directora do festival.

A maiores, a sexta feira de mañá haberá un “encontro poético” co alumnado de dous institutos, o sábado un “obradorio de narrativa” con Manuel Rivas e o domingo, un de poesía con Juan Carlos Mestre. As persoas interesadas en se anotar deberán facelo antes desta quinta feira, 19 de abril, a través do enderezo electrónico [email protected] ou do teléfono 669428188.

Comentarios