venres 24.01.2020
33º Cineuropa

Voces femininas, críticas e diversas resoarán nas pantallas de Compostela

O cinema realizado por mulleres preséntase como fío condutor da 33ª edición do festival de cinema da capital galega, que terá lugar de 7 a 28 de novembro de 2019. O anuncio chega após a polémica polo cambio de directiva á empresa madrileña La Tropa Produce. Os filmes que compoñen a programación daranse a coñecer a vindeira quinta feira 31 de outubro.
[Foto: Cineuropa] Detalle do cartaz de Cineuropa 2019
[Foto: Cineuropa] Detalle do cartaz de Cineuropa 2019

A ollada feminina será a protagonista quer da sección oficial, quer das actividades paralelas que compoñen o programa de Cineuropa. O festival de cinema celébrase este ano en Santiago de Compostela de 7 a 28 de novembro.

A muller protagonista

Segundo veñen de anunciar desde a organizaicón, Cineuropa 2019 estará “marcado por un feminismo transversal”, traducido nunha maior presenza de directoras na escolma dos filmes, así como en temáticas que poñen de relevo o punto de vista feminino. Á espera da escolma que a nova directiva presenta para esta 33ª edición, que se dará a coñecer na vindeira quinta feira 31 de outubro, transcendeu que un 40% dos filmes virán asinados por elas, nun ano que se recoñeceu como especialmente fértil para a colleita cinematográfica dos filmes de autoría feminina.

O cartaz traduce graficamente a filosofía da presente edición incidindo na variedade de perspectivas e puntos de vista que ofrece o propio medio cinematográfico, onde a ollada feminina se coloca ademais como protagonista, co concepto de reflexo e realidade oculta, nunha sorte de perspectiva múltiple e xogo óptico que implica a diversidade. A idea visual é tamén unha advertencia da procura dun público activo, que se rebela contra as verdades absolutas.  

Cartel baixa-1

Cineuropa contará con cinco sección oficiais: Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Latinoamericano e Animaeuropa. Esta última supón unha novidade con respecto a edicións anteriores, traendo a Compostela o mellor da animación do continente. Tamén por vez primeira o público terá capacidade de outorgar un premio en cada categoría de maneira independente. Neste senso, cabe lembrar que o prazo de inscrición para o Xurado Novo está aberto até 31 de outubro, a través da páxina web do festival.

Equipo feminino

O equipo do festival está liderado por mulleres do eido cinematográfico e cultural, baixo a produción da empresa madrileña La Tropa Produce, responsábel doutros eventos como os premios Feroz, o Festival de Alcántara ou o Cine de Verán Conde Duque, após quedar excluída a proposta do histórico director José Luis Losa por un defecto de forma da licitación do evento. A dirección finalmente quedou ao cargo da xornalista e produtora coruñesa Laura Seoane.

Javier Trigales, quen coordina a programación do festival, sinalou a intención de vincular a sección oficial coa paralela “porque queremos que haxa debate e o cinema continúe máis aló das salas”. Entre as sesións de filmes sorpresa, a xa tradicional maratón e as mesas redondas, destaca o concerto da actriz e realizadora María de Medeiros (13 de novembro), deixando ver a súa faceta como cantante. Así mesmo, haberá un tributo a Hayao Miyazaki por Los Pilotos (22 de novembro), e actuacións da Real Filharmonía de Galiza (28 de novembro) e a Banda Municipal de Música de Santiago (10 de novembro).

Xunto a Trigales e Seoane, anunciaron a programación Mercedes Rosón, responsábel de Acción Cultural do Concello de Santiago, e Xaquín López, director do Auditorio de Galiza. O festival está organizado polo Concello de Santiago a través do Auditorio de Galiza, coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, así como co apoio de Agadic e outras institucións culturais e empresas locais. A venda de entradas e abonos abrirase a segunda feira 4 de novembro.

comentarios