Clara Pino, arpista

“Vivir hoxe da música é unha carreira de obstáculos”

Cantante e arpista nada en Vigo en 1972, Clara Pino vén de estrear novo proxecto con Pablo Vidal, Nowhere, un disco que demostra a versatilidade da arpa e mestura música con literatura e que conta coa participación de Mila García, Sabela Dacal, Roi Adrio e Rafa Otero. Esta profesora de ensino secundario define a súa como “música de autor e íntima”. “Non vai encamiñada ao fenómeno fan”, advírtenos. Conversamos con ela no Sermos Galiza 243. Eis un extracto da entrevista.

RUA_6871
photo_camera [Imaxe: Cedida] Clara Pino

Como foi a xestación de Nowhere?

Tiña moitas gañas de facer un proxecto que vencellase música e literatura e tiña a teima de escribir desde hai tempo, e así como coas cancións non tiña ningún problema, amosar o meu universo literario custábame máis. Hai catro anos empecei a facer unha escolma seria, collendo os textos que consideraba de máis calidade, pulinos moito, a Pablo gustoulle a idea e decidimos sacar un CD con nove pistas musicais e nove pistas de prosa poética. E aí está. O título é algo controvertido. Só hai un tema en inglés. A min encántame a música galega e eu crecín en Vigo nos oitenta. A movida viguesa foi unha efervescencia marabillosa, Golpes Bajos, Siniestro Total... e tamén Los Ronaldos, toda a música inglesa. Eu non podo negar o que son. Non son unha música tradicional. A música tradicional entrou na miña vida de maneira tardía. Eu son máis popera.

1Aprécianse esas influencias neste disco do jazz, do blues, mesmo do pop.

Todos os toques de jazz, blues... son cousa de Pablo. Isto foi como un parto, fifty-fifty, está o ADN dos dous. Eu encargueime de letras, voz e arpa, pero toda a parte musical sen Pablo sería imposíbel. Estamos moi contentos os dous co resultado, sabemos que non vai ser un disco de masas, pero fixemos o que quixemos, con todos os riscos que conleva.

Nacín soa, tema do inicio, e Morte lenta, o derradeiro, fechan o círculo dun proxecto en que casan todos os elementos.

Está todo moi ben fiado, non hai nada ao azar. O primeiro texto, que acompaña o primeiro tema, Nacín soa, fai referencia á tradición das nove ondas da Lanzada, e a partir de aí hai unha evolución, vai in crescendo no sentido de que empezamos moi intimamente.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 243, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios