Xosé Vizoso, deseñador, ilustrador e cartelista

“Vivir da arte é moi complicado”

Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é deseñador, cartelista e ilustrador. De seguro que algunha vez tiveron entre as mans algunha obra súa, pois foi o encargado de pórlle o deseño ás pezas de Sargadelos. Aliás, este ano foi o gran protagonista do Encontro Galego de Ilustración.

Xosé Vizoso
photo_camera [Imaxe: Cedida] Xosé Vizoso

Participa vostede no Encontro Galego de Ilustración para dar conta da súa traxectoria no deseño e na ilustración. Que salientaría?

Desde pequeno sempre debuxei, así que estiven toda a vida nese mundo. No instituto tiven como profesor Puchades e, unha vez rematado o bacharelato, presenteime a un exame de mestres de decoración da planta de Sargadelos. Era o 1968 e eu estaba a piques de facer a reválida. Daquela a planta estaba sen facer, había un anaquiño de fábrica que se vía perfectamente porque as columnas estaban pintadas doutra cor. E cando fun facer o exame estaba alí Isaac Díaz Pardo.

E resultou elixido.

Si, ao pouco, mandáronme unha carta do Castro en que se dicía que eu era a persoa indicada para o posto. Dicía tamén que esperaban que me trasladase á planta do Castro para me adaptar ás súas disciplinas. Cobraría 5.000 pesetas de dietas e tería os gastos pagos. Eu estaba pendente de facer a reválida, que ese ano caía en Betanzos (cada ano facíase nun sitio) e eu nin sequera sabía onde estaba O Castro (Sada), e era ao ladiño. Respondinlles a carta explicándolles cal era a miña situación e non me puxeron problema ningún. Comecei en agosto con cousiñas con pintura de sobrecuberta e dividindo pratos e logo xa fun para Sargadelos.

"Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac"

Que supuxo para vostede Isaac Díaz Pardo?

Foi o meu segundo mestre, porque o primeiro foi Puchades. Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac. De feito, comecei colaborando con el. Despois xa fixen pezas totalmente miñas.

E á marxe do seu papel como deseñador en Sargadelos, tamén é recoñecido polo seu traballo na ilustración e na cartelaría.

No instituto, alá polo 66, fixera as ilustracións dun libriño pequeno que sacamos. E despois tamén empecei a crear carteis. O segundo libro que fixen foi para a editorial Celta, de Lugo, Terra Húmida. E despois tamén elaborei traballos con Edicións do Castro. Ilustrei A Diáspora, de Daniel Cortezón, e mais A saga dun afiador, de Xosé Fernández Ferreiro. E carteis... teño como uns 130. Tamén fixen murais en Foz, con rapaces. Usamos anacos de cerámica de plaquetas de Gres Burela.

Como ve a situación do sector na Galiza?

Fenomenal, porque hai unha cantidade de ilustradores e moi. E cada vez hai máis.

Con todo, é difícil profesionalizarse.

Si... algúns, moi poucos, poderán vivir, pero é difícil. Vivir da arte é moi complicado. Eu fun un privilexiado, fun vivindo porque tiña Sargadelos e iso permitiume facer as miñas cousas.

Que proxectos ten a medio prazo?

Ningún. Estou facendo agora cousas para min. Estou xubilado, teño 66, camiño de 67, e agora xa vou servido. Conste que sempre estou facendo cousas porque o paso ben e érgome á mesma hora que se for traballar. Agora colaboro con asociacións culturais, fago carteis como o da Queimada de Cervo... Hai que moverse sempre. Non pode un quedar na cama.

Comentarios