Día Das Letras 2020

Carvalho Calero: vivir con autenticidade

A Real Academia Galega vén de decidir que Ricardo Carvalho Calero sexa o homenaxeado co Día das Letras Galegas en 2020. Recuperamos o perfil do autor publicado nun A FONDO especial do semanario en papel Sermos Galiza.

carvalho calero

“Eu nascin no Ferrol Vello. O Ferrol Vello é o Ferrol máis antigo, un bairro de pescadores, primitivamente, que non era outra cousa que unha vila mariñeira semellante ás da Ría enfrente do Ferrol de hoxe, por exemplo Mugardos”. Ricardo Carvalho Calero


Ricardo Carvalho Calero naceu o 30 de outubro de 1910 na casa número 51 da Rúa de San Francisco de Ferrol. É o máis vello dos seis fillos do casal formado por María Dolores Calero Beltrán e por Gabriel Ricardo Carballo Naya, familia integrada na vida da burguesía ferrolá do primeiro cuarto do século XX.

Acabado o Bacharelato, matriculouse na universidade, no curso de Dereito, estudos que remata no ano 1931. Licenciouse en Letras, con premio extraordinario, en 1935. Axiña se converteu nunha das figuras máis prestixiosas do movemento estudantil, ao que se lle encomendaban discursos de abertura de curso, informes ou manifestos. Foi presidente da Federación Universitaria Escolar (FUE). En Carta a Fernández del Riego, do 24 de febreiro de 1933, fai referencia a esta etapa: “non é a miña situación presente moi a propósito pra invertir o meu tempo en redactar manifestos, pero craro está que desque hoxe recibín a vosa tarxeta non estudei nin fixen tal que traballar no encarrego”.

Así mesmo a presenza en Santiago serviu para se aproximar e ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Tal e como el mesmo deixa escrito, os seus "compañeiros habituais eran os galeguistas que traballaban no Seminario". 

Foi un dos fundadores, na asemblea de Pontevedra de 1931, do Partido Galeguista e xunto con Luís Tobío elaborou o Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza, de concepción federalista, aínda que despois a Constitución Republicana non foi federalista.

A guerra civil (1936-39) sorprendeuno en Madrid. Incorporado ao exército republicano, como oficial, estivo en Valencia e Andalucía, onde foi detido. Foi xulgado e condenado “por  adhesión á rebelión” a doce anos e un día de reclusión. Puido retornar a Ferrol en 1941 coa obriga de se presentar periodicamente perante a autoridade militar até a extinción da pena, en 1951. “O grande trauma da guerra -diría- esnaquizóu moitos arquivos. O da miña memoria foi alarmantemente saqueado”.

No cárcere podía escribir, mais a censura non permitía outra lingua que o español, como amosa esta carta a del Riego o 23 de xullo de 1940.

“Querido amigo:

En tu última carta me decías que tu vida era bastante monótona. ¡Con qué adverbio y con que adjetivo calificarías la que    vivo? yo, cuadriculada por toques de corneta y restringida por unos límites infranqueables” .

O labor docente

En Ferrol permaneceu até 1950, impedido de exercer e dedicado ao ensino de maneira precaria. Non podía estar colexiado a consecuencia da condena que se lle impuxera e tivo que dedicarse a el de forma privada e clandestina. 

En 1950 trasládase a Lugo como Director do Colexio Fingoy. Nel aspirábase a centrar o ensino no medio galego, a arraigar a educación no ambiente do país, rexeitando "toda a pedantaría livresca que confundise a formaçom dos rapazes con a erudiçom infantil, despersonalizada e apátrida".

Fingoy constituíu unha experiencia pedagóxica única na Galiza e a esa ocupación dedica todo o tempo, como el mesmo recoñece, "até o punto de ter que renunciar á literatura cicais para sempre” (Carta do 15 de marzo de 1953).

Permanece en Lugo até que, no ano 1965, se incorpora como profesor interino de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela, onde acabaría sendo o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega.

“Ao regreso dun viaxe achéi eiquí dúas cartas túas. Nunha felicítasme por téreme encarregado a Faculdade de Letras de Santiago do curso prósimo de Lengua e Literatura Galegas. (...) O Decano escribiume oferéndome o posto. Como a cadeira non está dotada, só se dispón de 700 pesetas mensuás pra me remunerar. Pero,  cómo ía atreverme a refusar? Mallaríades en min. Contestei aceitando... En fin, é unha aventura persoal impropria dos meus anos; pero quero ensaiala, inda que remate mal, pois sería paradóxico que a esquivara. Hai que vivir con autenticidade” (Carta de 24 de novembro de 1965).

Xa en Santiago a súa dedicación á Universidade foi total e o seu labor desde o posto de ensinante universitario abranxe múltiplas facetas, desde o contacto persoal até a investigación máis seria; da edición de libros á dirección de teses

O seu traballo docente terminou en 1980, aínda que continuou acudindo á Facultade de Filoloxía até pouco antes de morrer, o 25 de marzo de 1990.

[Este texto foi publicado no número 139 do semanario en papel Sermos Galiza, de 26 de marzo de 2015, que recolleu un A FONDO especial polos 25 anos do falecemento de Ricardo Carvalho Calero]

Comentarios