María Reimóndez

"Vivimos un momento paradoxal"

Un dos valores máis sólidos da literatura galega actual, María Reimóndez, é quen se debruza esta cuarta feira sobre a xanela do #VenhanMais5.

 

MaríaReimóndez

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-Dende a miña visión concreta creo que vivimos un momento moi paradoxal. Estamos nun estado de efervescencia con grandes creadoras, mediadoras e público pero que cada vez se move nun contexto máis minguante. A base de todo isto é, sen dúbida, a situación da lingua. Ao perder a lingua perdemos tamén a capacidade de buscar os nosos propios referentes e atopamos que a poboación vive cada vez máis descentrada, máis desconectada do lugar onde vive, e cos ollos máis postos na hexemonía. Por exemplificalo moi claramente, en Galicia é máis doado saber que pasa na vida de Isabel Pantoja que coñecer a actividade de calquera colectivo cultural. As barreiras para chegar á cidadanía teñen tamaños moitas veces xigantes. Mais nós, sobre todo as creadoras, estamos moi afeitas a gabear mentres nos tiran pedras.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

Agardo que Sermos contribúa a ser ese espazo tamén máis biodiverso e sobre todo que atope os xeitos de chegar a máis persoas

-Dado que á cultura non se lle pode pedir que solucione problemas como a presenza da lingua galega no ensino ou en calquera espazo da vida, creo que o único que lle podemos pedir é que se constitúa nun espazo biodiverso, onde a variedade de voces sexa quen de promover unha cidadanía crítica, en particular dende o punto de vista feminista, da ecoloxía e da xustiza social.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Agardo que contribúa a ser ese espazo tamén máis biodiverso e sobre todo que atope os xeitos de chegar a máis persoas, superando con creatividade as barreiras que de seu teñen tamén diante de si os medios en lingua galega.

Comentarios