“Viva Cineuropa! Viva o cinema libre!”

Clausura do #Cineuropa35
cineuropa europa press
photo_camera (Foto: Europa Press)

Cheo no Teatro Principal de Compostela para unha gala de clausura austera e curta, pero non carente de emoción e satisfacción polo traballo ben feito. Dúas semanas de programación ao máis alto nivel nunha edición para a historia de flamante estrea de palmarés competitivo por vez primeira, transmutando o concepto Cineuropa nun certame de referencia dentro do panorama internacional, iso si, coa garantía da experiencia de máis de trinta anos ás costas.

Moncho Lemos púxose o traxe de mestre de cerimonias dando paso, sen moita dilación, a José Luís Losa, director do Cineuropa, que anunciou o Premio do Público deste ano para o filme francés As ilusións perdidas, de Xavier Giannoli, acadando unha nota de 8,23 de media, nada menos.

A continuación foi a quenda do Xurado Novo. Comezou outorgando o Premio a Mellor Dirección ao cineasta arxentino, afincando en Francia, Gaspar Noé por Vortex. O de Mellor Interpretación recaeu en Iván Cáceres polo filme chileno Os meus irmáns soñan espertos. O Mellor Guión foi para o filme xaponés Drive My Car, adaptación dunha historia de Murakami guionizada por Takamasa Oe e Ryûsuke Hamaguchi.

E para rematar, o Xurado Novo acordou dar o seu Premio Especial ao filme Mala sorte no sexo ou porno tolo, de Radu Jude; e o de Mellor Película a Moneyboys, do cineasta chinés C.B. Yi, dobremente premiado ao levar tamén o Premio a Mellor Dirección do Xurado Internacional.

Foi Alfonso Zarauza o encargado de ler este palmarés en representación do Xurado Internacional formado, ademais, pola crítica de cinema e xornalista Inma Merino e a cineasta uruguaia Gabriela Guillermo. O Mellor Filme foi para Hit the Road, de Panah Panahi. Os premios a mellor actriz e mellor actor recaeron en Ann Dowd e Jason Isaacs respectivamente, ambos intérpretes do drama estadounidense Mass, ópera prima de Fran Kranz, máis coñecido polo seu rol de ‘colgao’ no filme de terror A cabana no bosque. O Mellor Guión ex-aequo levárono os filmes arxentinos La chica nueva, de Micaela Acosta, e Azor, de Andreas Fontana. Clara Roquet obtivo ademais unha Mención Especial pola dirección de Libertad.

Após dun vídeo resumo do que foi o Cineuropa deste ano, subiu á palestra a Concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, para agradecer ás institucións e dar un discurso breve, cousa que agradeceu o respectábel.

Filme de clausura

Faltaba o filme de clausura: Que fixemos mal?, unha coprodución internacional participada por Matriuska Producións. Interesante experimento cinematográfico de autoficción en forma de dramedia arredor dunha cineasta que quere facer un documental sobre as causas que motivaron as rupturas de parella ao longo da súa vida.

O produtor Dani Froiz foi o primeiro en coller o micro dando pé á directora, guionista e protagonista do filme, Liliana Torres. Pero foi Xulio Abonjo, coprotagonista tamén do filme, o que puxo o toque de retranca para poñer punto final á cerimonia de clausura.

Após dos títulos de crédito deste notable filme que se estrea o 10 de decembro en salas, ponse a funcionar a conta atrás para o #Cineuropa36, un ano enteiro no que, de seguro, retumbará nas tempas de moitas as verbas que dixo José Luís Losa no seu discurso e que resume perfectamente o que foi esta edición: “Viva Cineuropa! Viva o cinema libre!”.

Comentarios