Pensar a Galiza pos-covid

Vítor Vaqueiro: "Á hora de articular un discurso político hai que ter en conta os campos do simbólico e do imaxinario"

Vítor Vaqueiro é poeta, narrador, ensaísta, fotógrafo, activista cultural e teórico da imaxe e a fotografía. Foi profesor de Fotografía, Fotoxornalismo, Dirección de Fotografía e Proxecto Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Conversamos con el sobre imaxes e imaxinarios, sobre a posibilidade de transformar a idea da Galiza desde o campo do simbólico e da importancia que este ten na configuración dunha concepción do mundo que xire arredor da propia identidade colectiva.
O escritor Vítor Vaqueiro [M. Caeiro].
photo_camera O escritor Vítor Vaqueiro [M. Caeiro].

No prólogo do libro que escribiu con Nicolás Xamardo, Da identidade á norma, facía referencia á crise de 2008 e dicían que non era unha crise exclusivamente económica, senón política, social e, sobre todo, de representación cultural. A pandemia agravou aínda máis esta crise.

Claro, porque a pandemia é unha crise que vén sobre a crise. Date de conta de que case non houbo tempo para refacernos cando apareceu a Covid. Agora falamos un pouco no ar porque ignoramos que camiño vai tomar isto mais as perspectivas non son boas. A cultura foi o sector máis golpeado pola anterior crise e esta é algo descoñecido, é a primeira vez nas nosas vidas en que se nos prohibe saír da casa, relacionarnos… Podemos intuír por onde van vir as cousas porque sabemos como reacciona o capital ante unha crise e debemos ter como referencia –entre outros– o libro de Naomi Klein A doutrina do shock, no que pon de manifesto que onde a cidadanía ve un problema, o capital ve unha oportunidade. Estamos comprobando que esa oportunidade concrétase en Feixoo enunciando que o futuro pasa pola telesanidade, nos seus intentos de non contratar profesorado novo, de abordar a pandemia, en definitiva, improvisando. Sabemos como vai actuar o poder, e como saiamos da crise dependerá de como actuemos nós.

O discurso dominante nun primeiro momento da crise foi o de reforzar o público e a economía produtiva. Mais cando pasou esa primeira vaga as medidas tomadas foron nun sentido contrario. Como podemos reaccionar nós, desde un punto de vista estritamente galego, para facer sentir a necesidade de reverter ese proceso?

O mecanismo de reacción sería o de sempre: fronte a unha agresión, responder. Que ocorre? Que vivimos nun tempo moi complicado no que existe esa crise de representación que comentabas. Hai desconfianza ante o poder, ante os medios, ante case todo. E esa desconfianza ante a engrenaxe do sistema relaciónase co feito de que a esquerda abandonase unha característica que lle era propia: a capacidade de pensar sobre o presente. A defensa dos dereitos esixe unha fronte compacta de resposta, mais cal é o problema? A dereita decatouse hai moitas décadas de que a xente pode votar en contra dos seus intereses e, en función dese descubrimento, muda o seu discurso: non hai máis que ver o exemplo dos Estados Unidos. Como apunta Lakoff, lévannos moita vantaxe na análise da realidade. En certa maneira, as nacións sen Estado estamos nunha situación mellor porque temos algo moi concreto polo que loitar, polo noso país. A esquerda soberanista está en mellor posición que os partidos socialdemócratas, aos que podemos seguir chamándolles de esquerda, aínda que, na miña opinión, son uns excelentes xestores do capitalismo e mesmo son aqueles aos que o capitalismo recorreu para resolver algunhas crises. Vexo que, en gran medida, hai unha certa organización da esquerda europea que cuestiona os procesos de globalización; mais unha boa parte desa esquerda –a inglesa, a francesa, a italiana– está repetindo un modelo que ten cen anos de antigüidade e que eu creo que habería que actualizar. A esquerda galega, a vasca, a catalá, a bretoa, a escocesa… en xeral, a esquerda soberanista, posúe un elemento importante que é a reivindicación nacional e que é a que a salva desa desfeita na que están inmersos os partidos de esquerda, chamémoslle, "estatais".

Nese sentido, a identidade pode reforzar as reivindicacións máis progresistas. O cultural pode fornecer dun fondo de resistencia ante os ataques do capital.

É certo que fronte ao proceso de homoxeneización que constituíu a Unión Europea, existe unha resposta –que é case instintiva do ser humano ante o medo a disolver a súa identidade nesa inmensa globalidade– que se concretiza no avance do nacionalismo escocés ou galés, nas mobilizacións que están tendo lugar na Bretaña e xa non digamos en Catalunya ou Euskal Herria, cun movemento de reafirmación cultural moi asentado xa desde o século XIX. Hai factores identitarios que se deben explorar. Hai unha certa desconfianza da esquerda ante a cuestión identitaria porque pode dar paso a comportamentos como os de Risco ou como os dalgúns aspectos do pensamento de Murguía. O filósofo Alain Badiou, a quen eu cito moi frecuentemente, explicita claramente que en toda defensa identitaria existen dous vectores: un conservador e outro de avance. Precisamos levar a cabo un debate político e cultural que depure eses aspectos máis conservadores para quedar co sector da identidade que supoña progreso.

Esa cuestión resólvese confrontando os valores identitarios que queremos defender –no noso caso, basicamente, lingua, cultura e nación– cos valores universais da xustiza, da igualdade, solidariedade… que garanten que eu poda utilizar amiña identidade sabendo que vai unida, de forma axiomática, á defensa de ideas que impiden que derivemos cara a xenofobia, ao racismo ou ao elitismo. Un elemento que eu reivindique aquí, na Galiza, debe poder mobilizar a xente en México, en Escocia, en Suráfrica ou en Vietnam. Ademais, a forma concreta de reivindicalo suporía a nosa achega particular á cultura universal. Creo que nese sentido a esquerda soberanista galega deu pasos que a min me fan sentir optimista.  

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

Comentarios