Vítor Vaqueiro será galardoado coa Letra E de escritor en Compostela

O vindeiro sábado, día 19, Compostela acollerá unha nova edición da homanaxe 'O escritor na súa terra'.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) festexará o 19 de setembro unha nova edición da homenaxe O escritor na súa terra que este ano honrará a Vítor Vaqueiro.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da AELG e, segundo recoñece a propia entidade, "tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da persoas homenaxeada conta cunha presenza fundamental".

Na súa XXVI edición, O escritor na súa terra terá lugar en Santiago de Compostela, cidade elixida por Vítor Vaqueiro para "unha celebración múltiple e popular" que quere recoñecer a súa contribución ás letras galegas.

A homenaxe contará con dous escenarios e, este ano, por mor da pandemia da Covid-19, prescindirá do xantar de confraternidade que servía para clausurar a xornada.

Letra E

Nesta ocasión, a celebración comezará ás 11.30 horas no parque de Galeras, onde se descubrirá un monólito conmemorativo e Vaqueiro plantará un carballo, a árbore simbólica elixida polo autor. Como en anteriores edicións, Vítor Vaqueiro recibirá a 'Letra E 2020', un galardón realizado por Soledad Penalta que agasalla o escritor pola súa creación literaria.

O acto de entrega da Letra E terá lugar no Pazo de Raxoi, onde Vaqueiro estará acompañado por responsábeis da AELG, representantes da Administración local e polo escritor Xabier Paz, encargado da laudatio do autor.

"Falar de Vítor Vaqueiro, considerar a súa obra e facelo en público, ten para min, antes de todo, unha forte palpitación fraterna. Celebrar a Vítor creador é traer á luz a xenealoxía dunha relación, acaso infrecuente. E facelo no berce e escenario dese arraigar afectivo, alarga esta emoción xa ben adulta, unha amizade de cincuenta anos", escribiu xa como adianto.

Comentarios