martes 11/05/21
Nova obra teatral

Chévere reconstrúe a memoria de Vite

"O teatro é unha maneira moi boa de visitar un lugar inesperado ao que nunca irías", di Xesús Ron, director da compañía Chévere. O lugar onde nos quere levar esta vez é Vite, un barrio popular de Compostela, que a organización e a mobilización veciñais lograron rescatar da súa condición de gueto ao berro de "Vite nazón!"
Unha imaxe do barrio compostelán de Vite durante a súa construción. (Foto: Nós Diario)
Unha imaxe do barrio compostelán de Vite durante a súa construción. (Foto: Nós Diario)

Os situacionistas propuñan a psicoxeografía como método para entender os efectos da contorna xeográfica nas emocións e no comportamento das persoas. Guy Debord e os seus seguidores pescudaban sinais no tecido urbano deambulando por vías secundarias, saíndose dos itinerarios predicíbeis para acadar unha nova comprensión da paisaxe urbana. O flâneur de Baudelaire –“redescuberto” grazas a Walter Benjamin– era o modelo dun explorador do máis próximo, dunha figura que reinterpretaba, e ao tempo reconstruía, a cidade

Dramawalker Vite, o último proxecto da compañía Chévere, segue esa táctica de sondaxe dos arredores esquecidos –neste caso o barrio compostelán de Vite– para interrogar a cidade e buscar as raíces do presente. A compañía prepara un espectáculo no que as historias recollidas entre a veciñanza descobren un novo mapa de vivencias

“Santiago, cada vez máis, é a catedral e as rúas que están ao seu redor”, explica Xesús Ron, director artístico da compañía, “e hai lugares que son descoñecidos e sen os que non se pode comprender a historia completa da cidade. Vite fala sobre esas cousas que nunca se explican e que son fundamentais para entender o devir dos últimos anos". 

Vite foi o primeiro polígono de vivenda pública deseñado polo Estado, a finais dos anos 50. Mais a dilación da construción e a especulación urbanística provocaron alteracións no proxecto inicial que converteron o barrio nun gueto no que se acumulaban todos os problemas derivados da vulnerabilidade social: abandono escolar, paro, drogas... "Hai pouco, un grupo de antropólogos do CSIC puxo en marcha un proxecto de recollida da memoria inmaterial do barrio –Vite Arquiva– e pareceunos unha boa ocasión para elaborar unha creación teatral a partir desa memoria urbana: unha obra que, ao mesmo tempo, puidese permanecer despois como parte dese arquivo”. 

A mobilización permanente do barrio foi a que logrou transformar as condicións de vida dos seus habitante

Para desenvolver Dramawalker Vite, Chévere recolle historias contadas pola veciñanza, nun proceso de creación próximo ao teatro documento seguido no seu exitoso espectáculo Curva España, no que se narraban os intereses creados a partir da construción do ferrocarril de entrada á Galiza.

“Resultounos moi suxestivo porque é un dos barrios que ten un tecido asociativo máis potente”, continúa Ron. “Cando o ves agora resulta moi bonito, rodeado de zonas verdes e cun contorno moi atractivo, mais todo o que ten é froito das loitas veciñais. Na década de 1980 tiña un grave problema coas drogas, apenas tiña beirarrúas nin alumeado público, non existían dotacións educativas, sanitarias, deportivas nin culturais… Ante o abandono das administracións, é o movemento veciñal o que consegue, pouco a pouco, que se constrúa un colexio, logo un instituto, despois un centro de saúde… A mobilización permanente do barrio foi a que logrou transformar as condicións de vida dos seus habitantes”.

O reverso da cidade turística

En certo sentido, Vite constitúe o reverso da cidade turística en que se está a converter Santiago: enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, acolle un tecido social e comunitario que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza e integra comunidades diversas. 
“O detonante dramatúrxico do proxecto é ese”, aclara Ron, “e probabelmente faremos unha peza en movemento na que se invite o público a pasear desde o Salón Teatro cara á periferia –nun movemento inverso ao que se segue habitualmente– acompañándoo e tratando de mostrarlle como a cidade de Compostela se foi configurando nas últimas décadas co obxectivo de destinala ao turismo”.

“Tomamos como punto de partida”, continúa, “o Ano Santo de 1954, no que o Hospital Real se transforma en Hostal. No seguinte Xacobeo, en 1965, inaugúrase o Burgo das Nacións como un grande albergue destinado ao turismo. E entre estas dúas datas ábrese a avenida de Xoán XXIII para que a xente chegue directamente á catedral, unha avenida que fixo desaparecer os camiños que conectaban o centro con toda esa zona norte da cidade. Agora só quedan algunhas rúas truncadas por esta avenida. Son pegadas que quedan no trazado urbano e que queremos axudar a interpretar”.

"Esta ocasión de estar presentes no mesmo escaparate que Madrid  e Barcelona é moi significativo do bo momento polo que está a pasar a creación escénica galega"

Puxanza da escena galega

Dramawalker é un proxecto iniciado polo Centro Dramático Nacional de Madrid en colaboración con outros teatros que exploran espazos urbanos singulares pola súa historia. Inician o ciclo Madrid (co Teatro Valle Inclán), Barcelona (coa Sala Beckett) e Galiza (en colaboración co CDG). “Creo que o feito de que Galiza estea presente é un síntoma da puxanza da escena galega”, declara Ron, “e debemos aproveitar estas oportunidades: esta ocasión de estar presentes no mesmo escaparate que Madrid  e Barcelona é moi significativo do bo momento polo que está a pasar a creación escénica galega”.

comentarios