Unha visión máis aló do graffiti da man de Sermos Galiza

O novo número do semanario fornéceche, ademais, unha entrevista co cineasta galego Alberte Pagán, que vén de ser premiado no marco do festival Cineuropa, e unha reportaxe sobre o protagonista do documental 'Devolvendo o golpe', de Carlos Prado Pampín.
Detalle da reportaxe de apertura de Sermos Galiza. (Foto Nós Diario)
photo_camera Detalle da reportaxe de apertura de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

Sermos Galiza chega ao seu número 476 e con este bota a mirada atrás para analizar a evolución do graffiti xunto á experta Aurelia Balseiro García nunha viaxe polas fotografías tiradas por Iago Eiroa.

Ambos asinan ‘Arte urbana. Pos-graffiti. Muralismo en Lugo’, unha reportaxe na que poñen o foco nesta arte. Porén, xa non falan daquelas pintadas improvisadas polos barrios senón da súa profesionalización cara ao muralismo, cada vez máis extendido na Galiza.

Aínda que os grafittis persisten na paisaxe, a idea desta proposta artística derivada dese movemento é “construír unha estética máis duradeira”.

Ao tempo que afonda nas novas artes, o semanario tamén explora o cinema experimental coa colaboración dun dos referentes no país. O xornalista Manuel Xestoso entrevista o premiado deste ano no festival Cineuropa en ‘Alberte Pagán. Cine desde as marxes’.

Coa perspectiva que dá unha traxectoria longa e “coherente”, o creador -no sentido máis amplo- fala da súa obra, do novo cinema galegos, dos proxectos que o ocupan, dos contidos políticos...

Boxeo, paseos e cultura

Pola súa banda, Antón Escuredo propón coñecer mellor ao boxeador Aarón González, protagonista do documental Devolvendo o golpe de Carlos Prado Pampín -premiado no festival Primavera de Cine de Vigo-, en ‘A loita de Aarón. Devolvendo o golpe, algo máis que un documental’.

Se o pasado sábado era o Andar e Ver o que ía coñecer o muralismo de Carballo, Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo regresan agora aos camiños menos urbanos da terra para recomendar a ‘Subida ao Montouto, miradoiro da Paradanta’.

E como en cada número, vante acompañar nesta fin de semana as recomendacións literarias e musicais. No primeiro caso Mario Regueira opina sobre Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo de Lucía Gómez Álvarez e Susana Sanches Arins diserta sobre Aldara e a lenda do cervo branco de Inés Vázquez.

Á hora de falar de música Belém Tajes pensa en Contigo de María Rodés& La Estrella de David, mentres que César Morán asina ‘(Sittin’on) The dock ot the bay. A saudade na baía’.

Andrés Castro recomenda Jacinto de Javi Camino na escolma de cine ao tempo que Manuel Xestoso titula ‘Otelo como trending topic’ na crónica teatral. Por suposto, tampouco faltan á súa cita os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Estás impaciente? Podes gozar de todos estes temas no Sermos Galiza que atoparás o sábado no quiosque ou na nosa loxa en liña xunto con Nós Diario. A forma máis sinxela de conseguilos sempre? Fai a túa subscrición agora mesmo!

Comentarios