Virxilio Rodríguez gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

O xurado destacou da súa obra, titulada 'Off the record', a "pulcritude estilística" e o seu "sorprendente final". 
O gañador do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta, Virxilio Rodríguez. (Foto: EP).
photo_camera O gañador do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta, Virxilio Rodríguez. (Foto: EP).

A obra Off The Record, do profesor de Dereito Penal  Virxilio Rodríguez Vázquez, gañou a sexta edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta. Así o acordou por unanimidade o xurado deste galardón, reunido na tarde deste sábado no Pazo de San Roque, en Compostela.

O xurado -composto polos membros da Fundación Xosé Neira Vilas Juan Andrés Fernández, Henrique Neira e Fernando Redondo, así como polo crítico literario e profesor universitario Armando  Requeixo- destacou a estrutura da obra ao alternar o relato en primeira persoa e as informacións que achegan testemuñas nunha gravadora.

Ademais, quixeron resaltar a "pulcritude estilística" da historia de Off the record, que "avanza, imparable, até un sorprendente final", segundo destaca nun comunicado a Fundación Xosé Neira Vilas.

Por outra banda, o xurado puxo o foco no "estimábel nivel de participación e a calidade de varias das obras presentadas", o que confirma "a boa saúde" da que goza este certame.

O vencedor da sexta edición,  Virxilio Rodríguez Vázquez, é profesor de Dereito Penal na  Universidade de Vigo. Recibirá o premio esta terza feira, 3 de novembro, nun acto público na Casa do Romano de Vila de Cruces (Pontevedra), sede da Fundación Xosé Neira Vilas

O galardón está dotado de 1.000 euros e a obra seleccionada será publicada a través de  Edicións Embora.

Comentarios