Os sons do jazz máis auténtico e apreciado chegan esta sexta feira a Lugo, onde nas próximas semanas terá lugar a XXXI edición do Festival de Jazz da cidade. Para as seguidoras deste estilo de música cómpre destacar que unha das figuras principais que van atopar no cartel é a de Kenny Garrett, un mago do saxo, que tocará en Lugo co seu grupo. Este recital decorrerá o día 17 de novembro ás 20.30 horas no Círculo das Artes e as entradas para gozar da actuación custarán 15 euros.
Así mesmo, o certame contará con recoñecidas propostas da Galiza como Abe Rábade e Xacobe M. Antelo. Este último será o primeiro en actuar.
En concreto, o Xacobe Martínez Antelo Quintet tocará o 11 de novembro no Círculo das Artes. O concerto comezará ás 20.30 horas e será de acceso gratuíto até completar a capacidade da infraestrutura. Haberá que facer reservas dada a situación.
A quenda de Abe Rábade Trío chegará o 13 de novembro, no mesmo espazo e á mesma hora. Neste caso, estará habilitada a venda de entradas.
As propostas de lecer da primeira fin de semana
As xornadas musicais rematarán todos os días no Club Clavicémbalo, como tamén sucederá esta sexta feira. O festival contará con Huntertones featuring Shayna Steele para abrir a nova edición.
Do Círculo das Artes, o jazz trasladarase ao Clavicémbalo ás 23 horas da man do Alba Careta Group.
A oferta incluirá actuacións tanto o sábado como domingo. Federico Lechner Tango Jazz Trío e Sheila Blanco abrirán a axenda do sábado ás 20.30 horas para dar continuidade ao ciclo con David Pastor Quartet (23 horas) e Abya Yala Ensemble (23.50 horas).
A sesión vermú do domingo (13 horas) será a cargo de Narci Rodríguez Da Trío.