mércores 30/09/20
Cultura

Vinte e catro mulleres poetas constrúen sobre imaxes de arquivo a "memoria do futuro"

Unha mostra baseada en fotografías do fondo de Xosé Vidal que dialogan con versos contemporáneos
Imaxe do Arquivo Xosé Vidal
Imaxe do Arquivo Xosé Vidal

A Agrupación Cultural Alexandre Boveda, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Laxe, inaugurou onte no Parrote (A Coruña) a exposición Nós somos elas, unha mostra ao ar libre que permanecerá neste espazo privilexiado até o 30 de agosto. Así, as viandantes poderán topar con paneis de imaxes contextualizadas polas verbas de diferentes poetas galegas.

O contido está composto por 24 fotografías do fondo do Arquivo Fotográfico Xosé Vidal que forman parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe, que atesouran un patrimonio de preto de 70.000 "instantes da vida dun pobo". Son fundamentalmente retratos feminios que se asocian a 24 voces poéticas, todas elas de mulleres, para servir de elo coa imaxe.

Prestan as súas palabras desde poetas sobradamente consagradas até outras máis novas: Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradàns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial, e Yolanda Castaño.

A memoria do futuro

Nós somos Elas pretende ser "a memoria do futuro", afirma a asociación. Porque se as fotografías de Xosé Vidal son a memoria do pasado, a poesía é a do devir, "o plano para ollar, para volver a remirar". A mostra nace tamén contra a desmemoria e o silenciamento do labor das mulleres no mundo rural e mariñeiro, cunha vontade de recuperación dos lugares que ocuparon.

Argallada desde o eloxio desas realidades cotiás, a exposición dá visibilidade a certo vínculo emocional entre esa fotografía de mulleres e a palabra poética, unha verba que abre as portas a entender mellor o representado, mais que tamén respecta o misterio, a beleza, o deleite espido. Unha escolma "para prestar vida a través da palabra, para descubrir sutilezas, praceres, significados, historias fracturadas…", afirman desde Alexandre Bóveda. E, ao tempo, "unha mensaxe de esperanza, a certeza de que o futuro será mellor".

comentarios