Vinte anos para relatar a historia máis próxima 

A Asociación Socio-Cultural “A Pomba do Arco” celebra a XX edición das súas Xornadas de Historia Local, unha iniciativa que naceu hai dúas décadas co fin de recuperar a historia máis próxima e inserila na historia xeral de Galiza. Ana Cabana ou González Reboredo serán algúns dos participantes. 

Escola de Salgado Toimil, 1917
photo_camera Escola de Salgado Toimil, 1917

A vindeira segunda feira, 3 de agosto, botará a andar a XX edición das Xornadas de Historia Local, unha iniciativa creada pola Asociación Socio-Cultural “A Pomba do Arco” que leva dúas décadas afondando e difundido a historia máis próxima co fin tamén de que entre a formar parte da historia Xeral de Galiza. A Crónica Negra, a posguerra, os cultos e costumes precristiáns e a historia de Martínez Otero son algúns dos temas desta nova edición. 

“As Xornadas de Historia Local confirman que tanto Foz, como a Mariña e Galiza teñen historia propia. A Asociación Cultural A Pomba do Arco quere con estas xornadas dar a coñecer a nosa historia, a divulgar o noso pasado e conservalo. Mais todo este labor non tería razón de ser se non se contase coa complicidade do pobo de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa  asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano”, explican desde a entidade organizadora que agarda unha edición especial neste seu vixésimo aniversario. 

Da crónica negra á historia escolar

O relatorio “Crónica negra de Foz”, de Xoán Ramón Fernández Pacios abrirá o programa o vindeiro 3 de agosto ás 20.30 horas na Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Crimes, desgrazas e incidentes violentos que aconteceron no concello de Foz desde o século XVI serán o motivo da charla. O seguinte día, a profesora Ana Cabana achegará ao público asistente ao tempo posterior ao golpe militar en Foz e na Mariña con temas como a fame, o estraperlo, os fuxidos ou a oposición ao réxime. 

Os 75 anos do Colexio Martínez Otero será o tema da terceira das conferencias, impartida por Ramón Eiras Fernández, Alexandra Eiras e Antón Niñe. Cadro docente, alumnado e historia do centro educativo de Foz será a materia da sesión dunhas xornadas que rematará o 6 de agosto coa palestra do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo que leva por título “Crenzas e ritos na Mariña” que achegará ao público aos santos e cultos parroquiais aínda presentes na relixiosidade popular. 

Comentarios