'A herba de namorar', vinte anos de María do Cebreiro

O día 10 de outubro, ás 20 horas, María do Cebreiro presenta A herba de namorar de na Sala Numax (Santiago de Compostela). O libro é unha antoloxía dos seus vinte anos de produción literaria.

[Foto: Numax] María do Cebreiro
photo_camera [Foto: Numax] María do Cebreiro

Vinte anos de poesía non son poucos. A herba de namorar condensa en 50 poemas a produción de María do Cebreiro dende a aparición de O estadio do espello (1998) até Soños. Arquivos. Cartas (2018). A presentación do libro terá lugar na sala Numax, en Santiago de Compostela, ás 20 horas do quinta feira 10 de outubro, e contará coa asistencia do editor do libro, Ismael Ramos, e a escritora Berta Dávila.

Alén dunha selección de poemas xa publicados, o volume recolle tamén algunhas composicións inéditas. Por iso, A herba de namorar, afirma a editorial, “é un libro vello e novo ao mesmo tempo”, que inclúe, en palabras da autora, “aqueles poemas que salvaría se só puidese escoller eses”.

María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) concilia a súa produción literaria como poeta coa actividade docente na área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. Ten escrito ensaios, antoloxías e máis dunha ducia de poemarios, entre os que destaca a recente triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galiza), e A lentitude (2017).

Comentarios