Foi un firme defensor do reintegracionismo

Vinte e cinco anos sen Guerra da Cal

O 28 de xullo de 1994 morría en Portugal, a súa terra de acollida após a súa xubilación como profesor nos Estados Unidos, o ferrolán Ernesto Guerra da Cal. Figura recoñecida internacionalmente, a el débeselle a imprescindíbel "Língua e estilo de Eça de Queirós" (1954), obra de referencia sobre o esgrevio poeta portugués, así como unha aposta inequívoca polo reintegracionismo linguístico.
Guerra_da_Cal_con_Castelao,_nunha_reunión_con_amigos_en_Nova_York
photo_camera Guerra da Cal, segundo pola esquerda, en Nova York cun grupo de exiliados, entre eles Castelao

Agora que, por fin, a Real Academia Galega abriu as fiestras aos intelectuais que apostaron no reintegracionismo coa dedicación do Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero, a figura de Ernesto Guerra da Cal emerxe con forza. Foi el, en palabras do xornalista Joel R. Gómez, un dos máis importantes difusores da lingua e literatura galega e portuguesa, posicionamento que defendeu desde o altofalante do sistema universitario norteamericano. 

Hoxe cúmprense vinte e cinco anos do seu pasamento en Lisboa. Desde entón, son moitas as voces que teñen reclamado un recoñecemento acorde á importancia que tivo para o sistema lingüístico e literario galego-portugués. Lembramos hoxe o seu inmenso contributo.

Nado en Ferrol en decembro de 1911, cun ano fica a cargo da súa familia en Quiroga, onde pasou a súa infancia. Ao cumprir once anos, a súa nai obtivo unha praza de mestra en Madrid, cidade na que se estabelece a familia e na que residirá até os vinte e cinco anos. Alí entrou en contacto cos deputados do Partido Galeguista e outros intelectuais galegos, así como con destacados membros das Xeracións do 98 e do 27, entre eles Federico García Lorca. De feito, foi el quen, alén de poñelo en contacto con Blanco Amor, contribuíu á publicación dos Seis poemas galegos desde o asesoramento lingüistico.

Co golpe militar fascista de 1936, Guerra da Cal súmase ás Milicias Galegas para defender a legalidade da II República. Nesa época casa con Margarita Ucelay, con quen tería o seu único fillo, Enrique. Ao final da Guerra (1939) atópase en Nova York, onde realizaba xestións para o goberno republicano. Alí queda a vivir como exiliado, entrando novamente en contacto con Castelao e outros correlixioinarios.

Na cidade norteamericana comeza a súa prolífica carreira como profesor universitario. Na Columbia University elabora a súa tese de doutoramento, que presentará na década dos 40, sobre Eça de Queirós, a primeira sobre literatura portuguesa nos Estados Unidos. En 1941 pasou á New York University (NYU) e, dez anos despois, é nomeado catedrático de Lingua e Literatura Románicas.

Asinou os seus primeiros traballos como Ernesto Pérez Guerra, mais en 1945 renunciou á nacionalidade española para se nacionalizar norteamericano, co que cambiou o seu nome para o sistema onomástico anglosaxón (o apelido da nai primeiro) e adopta o de Ernesto Guerra da Cal.

Guerra da Cal era especialista en Eça de Queirós. En 1954, publicou "Língua e estilo de Eça de Queirós", un dos traballos máis importantes sobre o autor portugués. Dous anos despois participa no "Dicionário de Literatura Portuguesa, Brasileira e Galega", de Jacinto do Prado Coelho.

Se a súa primeira publicación literaria fora o poema "Mariñeiro fusilado" (revista Nova Galiza, 1937), Guerra da Cal publicou os poemarios Lua de além-mar (1959), Poemas (1961), Rio de sonho e tempo (1962) e Motivos do eu (1966).

En 1977, xa xubilado, mudouse a Estoril. Desa época son poemarios Futuro inmemorial (1985); Deus, tempo, morte, amor e outras bagatelas (1987); Espelho cego (1990) e Caracol ao Pôr-do-Sol.

Tanto na súa traxectoria académica como nas súas obras, Guerra da Cal mantivo un firme compromiso, político e ortográfico, coa unidade da lingua galego-portuguesa e co espazo da lusofonía que hoxe, co coñecemento a Carvalho Calero, xa asumen as institucións culturais do país.

Comentarios