Vinte anos da Fundación Seoane con mostras do artista e de Maside 

Hoxe cuarta feira inaugúranse na Fundación Seoane dúas mostras para celebrar o vinte aniversario da institución: 'Luis Seoane. Retrato de esguello', a maior dedicada a el desde a fundación deste centro, e 'Carlos Maside – Luis Seoane. Aquel abrazo'.

Seoane_001
photo_camera Cartel de Otard-Dupuy, ca. 1952, Impresión de litografía [Colección Fundación Luis Seoane]

Estas dúas exposicións están dedicadas á obra de dous creadores que renovaron o panorama artístico en Galiza introducíndoo nas correntes da vangardas europeas da primeira metade do século XX: Luis Seoane e Carlos Maside. 'Luis Seoane. Retrato de esguello' estará aberta ao público até o vindeiro 25 de setembro, e 'Carlos Maside - Luis Seoane. Aquel abrazo' poderá visitarse até o 28 de agosto. 

Coa exposición dedicada a Seoane, coproducida pola Fundación Luis Seoane e o MARCO de Vigo, a Fundación reúne máis de 200 obras do artista galego entre óleos, tapices, gravados, obra gráfica e editorial, documentación diversa, deseños cerámicos, etc. que ocuparán a totalidade do primeiro andar do centro, nun proxecto que constitúe a maior exposición monográfica dedicada a Seoane en A Coruña desde a mostra coa que se inaugurou a actual sede no ano 2003. 

A mostra sobre Seoane reúne máis de 200 obras do artista galego entre óleos, tapices, gravados, obra gráfica e editorial, documentación diversa, deseños cerámicos, etc.

David Barro, comisario da exposición e director da Fundación Seoane, afirmou na presentación que o propósito da mostra non é outro que "amosar a Luis Seoane como un creador total que desenvolveu un importantísimo labor como artista plástico, pero que tamén destacou noutros campos que aínda non son tan coñecidos para o público, e que nesta exposición ocupan un lugar destacado, como os seus prototipos cerámicos ou os seus tapices, nos que o artista representou parte dos temas populares galegos aos que tanta importancia concedía, nun intento, igual que no emprego que fixo do gravado ou da publicidade, de crear un arte popular que puidese chegar a toda a sociedade, ao pobo, xa que a súa obra ten un legado social ausente noutros creadores". 

Pola súa banda, 'Carlos Maside - Luis Seoane. Aquel abrazo' é un proxecto que establece un diálogo entre a obra dos dous artistas a partir da relación epistolar que ambos mantiveron ao longo de máis de dez anos. A exposición é, como afirma a súa comisaria, Carmela Montero "fundamentalmente pictórica, xa que na correspondencia que Seoane e Maside estableceron ao rematar a Guerra Civil en España, xa con Seoane na Arxentina, ambos os dous  intercambian opinións sobre como ven a pintura, sobre cuestións teóricas como o emprego das cores na construción do lenzo ou a influencia das vangardas internacionais no seu traballo, sobre todo no de Seoane, que nun principio Maside non cre que sexa positiva, un pouco debido a que as reproducións que recibe do sus cadros non son de boa calidade,en branco e negro, opinión que cambia radicalmente ao contemplar por vez primeira as obras do seu amigo coa forza do tratamento da cor, un tratamento no que Seoane considera a Maside o seu mestre e unha das súas principais influencias. Nas súas cartas ambos falan do que é arte para eles non só desde un punto de vista estético, senón teórico."

Comentarios