A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Os Vingadores: A era de Ultrón

Os Vingadores reúnense unha vez máis para contrarrestar a ameaza que nace do bastón de mando de Loki con forma dun todopoderoso androide de nome Ultrón. Baixo a responsabilidade de Bruce Banner e Tony Stark, e en contra de toda a equipa, deciden concluír un perigoso proxecto que pode acabar coa ameaza.

Los-vengadores-2-ya-tiene-fecha-de-estreno_noticia_main_landscape

Impresionante nova achega dos superheroes da Marvel na que repite Joss Whedon na dirección e, por suposto, aparecen todos: Iron Man, o Capitán América, a Viúva Negra, Hulk, Thor, Ollo de Falcón... e outras incorporacións que non convén desvelar. A acción transcorre inmediatamente despois de Capitán América: Soldado de Inverno. O Barón Wolfgang von Strucker utiliza o poderoso bastón de Loki para experimentar con seres humanos e crear seres “mellorados” con poderes especiais. Concretamente experimenta con dous xemelgos: os irmáns Maximoff, que corresponden cos mutantes Quicksilver e a Bruxa Escarlata, fillos de Magneto nos comics mais, por temas de dereitos, han ter que reinventar a súa procedencia e tampouco poden dicir que son “mutantes”... senón “mellorados”.

Unha licenza, entre outras, que en absoluto afecta ao desenrolo da acción. A cousa ponse seria cando o proxecto Ultrón, que pretendía acabar coa ameaza global do planeta, escapa do control de industrias Stark e se converte nun poderoso vilán cun só obxectivo: acabar coa raza humana en xeral, e cos Vingadores en particular. Tony Stark e Bruce Banner deciden, unilateralmente e sen contar co beneplácito do resto de Vingadores, crear outro poderoso ser que estea a altura para acabar con Ultrón... mais tamén pode ser que acabara co Universo. Espectacular filme no que Whedon “deixou a pel”, en palabras textuais. Hai un traballado guión cheo de acción, comedia, drama, (sorprendente) romance, intriga e todos os elementos que calquera amante do cómic podería desexar. Ate o máis purista vai quedar satisfeito.

Destaca por riba de todo a realización de escenas de acción, que debe ser onde verdadeiramente deixou a pel Joss Whedon. Filmadas con moito criterio, planificación milimétrica e un realismo inusitado impropio dun filme de superheroes. Realizadas máis coma un filme bélico que coma un fantástico. O reparto tamén está en estado de graza. Só hai que botar un ollo á ficha técnica para empezar a sentir certo vertixe. Porén, lonxe do que se podería pensar, entre tanta estrela a cousa está moi equilibrada. Ningún ego destaca sobre outro, senón que cada un aporta o seu grao de area para que a historia flúa como unha máquina ben engraxada. Os Vingadores: A Era de Ultrón é unha verdadeira montaña rusa de entretemento palomiteiro que se goza de principio a fin. Comeza a modo jamesbondiano, continúa con interesantes xiros de guión que potencian a intriga, e remata coa correspondente traca final, desas que deixan sen folgos. Por suposto haberá o pertinente “final sorpresa” post-créditos que, como na primeira dos Vingadores, volve a conectar con Gardiáns da Galaxia. Así, unha vez máis, todo o Universo Marvel acaba por confluír nun todo enorme cada vez máis en simbiose co cómic.

Xa se anuncia continuación dos Vingadores nun máis difícil aínda dividido en dúas partes baixo o título de: Infinite War. Non dirixirá Joss Whedon senón os irmáns Russo, que tampouco son ningúns novatos na materia: xa realizaran previamente Capitán América: Soldado de Inverno e teñen en preprodución Capitán América: Guerra Civil. A derradeira(?) entrega dos Vingadores estreará entre o 2018 e 2019... ata entón non hai que desesperar porque semella que deron coa chave para perpetuar esta saga de adaptacións. Polo de pronto xa hai data para novas entregas do Capitán América, Thor e Gardiáns da Galaxia, ao tempo que personaxes como Ant-Man, Doutor Estraño, Deadpool ou Capitán Marvel irán aparecendo co pertinente spin-off. E así sucesivamente ata que non teñan máis personaxes que levar á pantalla ou ata que o público canse... cousa que parece pouco probábel se continúan con historias desta calidade.

Comentarios