'Viñetas' de resiliencia na Coruña

O histórico certame de banda deseñada da Coruña regresa na súa edición número 24.
Súper López, Mortadelo e Filemón ou Batman "invaden" a cidade herculina (Foto: EP).
photo_camera Súper López, Mortadelo e Filemón ou Batman "invaden" a cidade herculina (Foto: EP).

A XXIV edición do Salón Internacional do Cómic 'Viñetas desde O Atlántico' arranca mañá na Coruña, e aínda que o certame estenderase até o 15 de agosto, as exposicións permanecerán até 5 de setembro.

O director do Salón Internacional, Miguelanxo Prado, considerouno como un "festival de supervivencia", engadindo que "este Viñetas é o salón que discorrerá nunha fase próxima á normalización absoluta, o que nos permitirá asomar á celebración do 25 aniversario de Viñetas.

Nun comunicado, a organización do certame explicou que, á hora de deseñar o programa, xogaron con "dous eixos irrenunciábeis, por unha banda, cubrir as áreas que habitualmente dan forma a cada Viñetas, é dicir, superheroes, temática social, obra de autor, charlas, feira da historieta... e pola outra, convidar autores, tanto noveis como consagrados, cuxos traballos conformasen a realidade actual do cómic Estatal nestes tempos tan convulsos".

O cartel deste ano deseñouno Teresa Valero, que recentemente viu como a súa última obra, Contrapaso, foi nomeada aos premios Eisner 2021. Segundo sinalaron, os orixinais de Contrapaso, novela gráfica negra ambientada no Madrid dos anos 50, poderán visualizarse no Quiosco Alfonso, co agasallo engadido da presenza da autora na Coruña.

Os organizadores subliñaron que o programa "adaptarase á realidade que as autoridades sanitarias determinen nesas datas". Así, haberá charlas, encontros e sesións de firmas cos creadores invitados, así como a Feira da Historieta, "o espazo que cada ano concentra ás principais librarías e editoriais especializadas na arte do cómic".

O Salón Internacional, como cada ano, ocupará o Quiosco Alfonso, onde un grupo de creadores exporá os seus orixinais. Entre eles atópanse, Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero, e Javier Oliveirais e Santiago García. Así, poderemos viaxar ao Madrid dos 50 da man de Teresa Valero ou camiñar con Picasso, Fellini, Balthus ou Whitman a través dos trazos de Tyto Alba. Tamén visitar a obra de Javier Oliveirais e Santiago García, que nos ofrecen a súa visión do universo Velázquez e da historia de Aquiles en As Meninas e A Cólera.

A outra parada estará en Palexco, onde se reunirán os grandes clásicos da literatura de ciencia ficción. Alí colgará Dune, a adaptación autorizada desta obra inmortal realizada por Raúl Allen e Patricia Martín.

Tamén haberá cabida para os superheroes. Este ano tócalle a quenda ao universo Marvel e aos personaxes debuxados para esta editorial por Pepe Larraz.

Outro dos escenarios será o Pazo Municipal de María Pita, onde se poderá coñecer "o corpo e a alma" con que Das Pastoras dota ao xigante Hércules. A Sala Salvador de Madariaga, pola súa banda, acollerá o Adeus amigos, de Begoña García-Alén González e As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña do 2020. Como en edicións anteriores, a Torre de Hércules será outra das "salas de exposición". Nela, poderase facer un percorrido polos 24 carteis do Salón.

Viñetas desde o Atlántico 2021 será tamén espazo de presentacións editoriais, mentres que "un consolidado e pacífico exército de personaxes de todos os tempos" tomará un ano máis as rúas coruñesas.

Comentarios