martes 28.01.2020

Viñetas desde o Atlántico, unha semana para poñerse ao día no mundo do cómic

Para estar ao día do que acontece no mundo da banda deseñada, nada mellor que participar no Viñetas desde o Atlántico, o festival do cómic dirixido por Miguelanxo Prado que se desenvolve na Coruña do 4 ao 10 de agosto. 

Fragmento do cartaz
Fragmento do cartaz

Até o 10 de agosto, un completo programa con exposicións, conferencias, obradoiros, encontros profesionais, feira editorial e demais actividades paralelas completan o programa do Festival Internacional do Cómic, Viñetas desde o Atlántico, dirixido polo creador Miguelanxo Prado que creou o festival que agora chega a súa XVII edición en 1998. O tamén debuxante e editor Manel Cráneo é o coordinador da programación nesta nova edición que se desenvolve en diversos espazos da Coruña. 

O debuxante británico Charlie Adlard, autor de Os mortos viventes, o guionista belga Benoît Drousie, Zidrou, o debuxante español Vicent Llobell Bisbal, Sento, a historietista Montse Martín, autora de Curiosity Shop,  Oriol Hernández, creador de A pel do oso, o debuxante Javier Rodríguez e o autor e edito galego Alejandro Viñuela, Jano, que presentará o seu Nacho Camacho, son os autores convidados a esta nova edición de Viñetas. No Palexco desenvolveranse encontros profesionais con Javier Rodríguez, Charlie Adlard, Zidrou e Marcos Martín. 

Mostras en toda a cidade 

No festival haberá tamén espazo para a análise da situación actual da banda deseñada, desde a autoedición, cambios de formato, posibilidades de novos soportes e saídas para o tempo de crise. Ademais da oferta de conferencias e exposicións, o encontro inclúe tamén actividades para público infantil e xuvenil, mesas redondas, encontros cos autores e autoras ou unha feira editorial. 

As exposicións desenvolveranse, como en anteriores edicións, no Kiosko Afonso e Palexco e tamén na Sala Municipal de María Pita e Salvador de Madariaga, que albergará unha mostra de banda deseñada galega actual. No Kiosko Afonso estarán abertas as mostras de Zidrou e Oriol Hernández, Sento, Jano e Montse Martín mentres que en Palexco poderase ver a obra de Charlie Adlard, Marcos Martín e Javier Rodríguez. O cómic español dos anos 50, nunha exposición comisariada por Jaume Vaquer, poderase visitar no Pazo Municipal. 

comentarios