Cultura

O festival Viñetas desde o Atlántico resiste a pandemia

Do 17 ao 23 de agosto chega a 23ª edición dun festival que este ano pon o foco nas publicacións destinadas a público infantil e xuvenil.
Cartaz de Viñetas desde o Atlántico.
photo_camera Cartaz de Viñetas desde o Atlántico.

As personaxes enmascaradas transitan con frecuencia polo universo do cómic, con ameazas globais e inimigos invisíbeis na trama. É por iso que, como explicou o director do festival coruñés Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, non parecía moi lóxico que a pandemia obrigase a renunciar á cita, que chega este ano á 23ª edición. Adaptando a proposta á situación actual, o certame abrirá as súas portas a segunda feira 17 de agosto, até o día 23, aínda que as exposicións permanecerán accesíbeis durante un mes.

Nesta ocasión céntrase no intre no que se sementa a afección á banda deseñada, o cómic infantil e xuvenil. Para iso, catro das principais editoriais dedicadas a ese segmento (Cúpula, Astronave, Astiberri e Mamut) encherán de orixinais a sala de exposicións de Palexco.

Pola súa banda. o Kiosco Alfonso cederá as súas paredes a catro debuxantes de peso: o xenovés Alessandro Barbucci, creador das series mundialmente coñecidas Sky Dolls e W.I.T.C.H.; Enrique Vegas, historietista segoviano famoso polas súas parodias de filmes e cómics; o mallorquino Pau, autor de Las vacas chechenas; e a coruñesa Xulia Vicente, que vén de editar Elisa e Marcela en banda deseñada.

O Pazo de María Pita acollerá os orixinais da novela gráfica MIES, biopic de Agustín Ferrer Casas sobre o arquitecto o derradeiro director da Bauhaus. A Sala Salvador de Madariaga exporá os orixinais dos últimos premios Castelao: Alberto Vázquez e Martín Romero.

A torre de Hércules, nun singular xogo de espellos, ofrecerá unha mostra dos cartaces de edicións anteriores, que teñen no deseño o emblemático monumento. Ademais, como é habitual, o exército de personaxes de cómic tomará a cidade, programaranse charlas cos autores convidados e a rúa da Banda Deseñada ofrecerá as últimas novidades.

Comentarios