Viñetas desde o Atlántico presenta as autoras da súa 27ª edición

Viñetas desde o Atlántico 2024 poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho.

Debuxo de Marcello Quintanilha, do álbum 'Tungsteno'.
photo_camera Debuxo de Marcello Quintanilha, do álbum 'Tungsteno'.

Un ano máis A Coruña transformarase no gran referente das amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O autor coruñés Manel Cráneo asume a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que se desvelará ao completo nos vindeiros días.

Neste 2024, o festival reunirá a figuras como Genie Espinosa -autora do cartel desta edición da cita-, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo.

Viñetas quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho.

As temáticas sociais, a internacionalización -cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina- e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves de Viñetas desde o Atlántico 2024.

A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras, das que pronto se coñecerán os detalles.

As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

En palabras de Manel Cráneo, director artístico de Viñetas desde o Atlántico, "o festival coruñés de banda deseñada regresa neste 2024 cunha aposta importante na súa parte expositiva. Este ano ofrécese unha selección de exposicións oficiais exclusivas ás que se lle unen outras paralelas en colaboración con diferentes entidades e locais da cidade". E engade: “Ademais, un dos puntos fortes desta edición e a recuperación dos convidados internacionais”.

Cráneo salientou que "os fíos que unen esta edición nas mostras oficiais son as temáticas sociais e a banda deseñada independente e experimental, con Genie Espinosa, Marc Torices, Susanna Martín e Yeyei Gómez. Palexco, Palacio Municipal e a Casa Museo Picasso acollerán estas exposicións".

A sala principal Kiosco Alfonso recupera a idea de convidados internacionais, centrándose este ano na outra beira do Atlántico, coa mirada enfocada no Brasil e na Arxentina, da man de Lucas Varela, Kundo Krunch e Marcello Quintanilha. Ademais, este ano súmase o Centro Ágora, destinado á banda deseñada para público infantil, cunha retrospectiva de Jorge Campos. E preto de 50 autoras e autores galegas e galegos verán a súa obra repartida nas diferentes salas deste Viñetas desde o Atlántico, fito do que moi pronto se coñecerán os detalles.

Máis en CULTURA
Comentarios