O vínculo do Gaiteiro de Viascón con Pontevedra

O Museo Provincial acolle esta semana un faladoiro sobre o músico Ricardo Portela no que se tratará a súa relación coa "boa vila". O acto incluirá unha actuación en directo dos músicos Rafa Pazo, Francisco Estévez 'Chuco' e Gonzalo Caride.
Imaxe do homenaxeado Ricardo Portela. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Imaxe do homenaxeado Ricardo Portela. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Ricardo Portela, tamén coñecido como o Gaiteiro de Viascón, terá esta quinta feira unha nova homenaxe, neste caso en forma de faladoiro sobre a súa relación coa cidade de Pontevedra. En concreto, os poñentes debaterán sobre a súa pegada na “Boa Vila”, onde o músico residiu após regresar da emigración.

Nesta sesión que promove a Deputación de Pontevedra, e que terá lugar no sexto edificio do Museo ás 19.30 horas, os relatores Xosé Ferreirós (Milladoiro), Xoán López (Treixadura) e o músico e investigador Óscar Ibañez falaron dos aspectos máis destacados do artista baixo o título “Ricardo Portela e Pontevedra”.

O acto, que estará moderado por Ramom Pinheiro Almuinha, servirá para falar do gaiteiro como “un dos grandes referentes da gaita galega por méritos propios, converténdose en símbolo do gaiteiro tradicional, que profesou un amor profundo a Galicia e á gaita”.

Tamén se falará do seu vínculo co propio museo. Segundo fontes da organización, este intérprete creou “escola e moitos dos recursos do seu persoal estilo permanecen vivos na forma de tocar dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos na actualidade”.

No decorrer da actividade tamén se tratará do seu papel “decisivo” para dignificar a gaita e a figura das e dos gaiteiros, unha cuestión da que o colectivo está moi agradecido a este precursor “inquedo, aberto e innovador”.

Como non podía ser doutra forma, o evento dedicado a Portela tamén contará con música. Haberá unha pequena actuación a cargo de Rafa Pazo, Gonzalo Caride e Francisco Estévez 'Chuco'.

As persoas interesadas en asistir poden solicitar un espazo a través do correo electrónico [email protected], enviando os seus datos persoais. As prazas son moi limitadas polas restricións derivadas do coronavirus.

Comentarios