O VIII 'caxato' de Avelino Pousa Antelo homenaxea Marica e Tereixa Campo

A tradicional entrega do caxato realizarase esta sexta feira, día 20 de agosto, cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo (A Baña, 1914-Teo, 2012).
Avelino Pousa Antelo (Foto: Ollo de vidro / AELG).
photo_camera Avelino Pousa Antelo (Foto: Ollo de vidro / AELG).

A Irmandade Avelino Pousa Antelo, xunto coa Irmandade Manuel María mais a Asociación Cultural Xermolos, entregará o tradicional caxato de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, “pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo”. A homenaxe realizarase esta sexta feira, día 20 de agosto, cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo. Será ás doce da mañá no auditorio Constante Liste, situado na casa do Concello de Teo. 

O recoñecemento, que se vén realizando desde o pasamento do intelectual galeguista, baséase na “valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de Avelino Pousa”, polo que fai a Marica e Tereixa Campo, segundo indican desde a organización, “merecentes de tal distinción e honra". 

A profesora e escritora María Pilar García Negro será a mantedora desta VIII edición de entrega do caxato. "Hai unha coherencia plena entre as tres entidades convocantes e as premiadas porque hai un factor común que as une, que é un traballo perseverante e continuado a prol da cultura e da lingua galegas, é dicer, da Galiza, de todos nós", declara para Nós Diario García Negro.

O labor das irmás Marica e Tereixa Campo

Nesta edición distínguese o labor das luguesas Marica e Tereixa Campo, dúas irmás dedicadas á educación e ao mundo da cultura galega.

"Tereixa Campo, mestra de profesión, leva toda a vida dedicada ao prestixio do teatro galego", valora María Pilar García Negro, e, pola súa banda, Marica Campo "é unha escritora principalísima da Galiza". "Ambas as dúas son modelo de hospitalidade e xenerosidade", engade.

Homenaxe na memoria de Avelino Pousa Antelo

Pousa Antelo, nado en Arzón (A Baña) o 14 de maio de 1914 e finado en Teo o 20 de agosto de 2012, foi un mestre, agrarista, político e escritor galego e mais o presidente da Fundación Castelao até o momento do seu pasamento. "Avelino Pousa Antelo", comenta García Negro, "até a fin da súa vida interveu activamente, con toda a enerxía e con toda a clareza, a prol da necesaria normalización da lingua galega". 

Após o acto de entrega do caxato, as e os participantes achegaranse ao paseo Avelino Pousa, situado na urbanización Os Verxeis, para alí realizar unha ofrenda floral no monólito que hai na súa honra. 

O caxato é obra do escultor Valdi e o gravado, que se entregará ás homenaxeadas, é autoría do pintor humanista Héitor Picallo.

Foron homenaxeados, en anteriores edicións, Alfonso Blanco Torrado, Concello de Teo, parroquia Santa María de Arzúa, Fina Casalderrei, familia Valentín Arias, Antón Costa e a Fundación Penzol. 

Comentarios