Vigo ten swing, unha cidade tomada polo jazz no décimo Imaxina Sons

O Festival Imaxina Sons chega ao seu décimo aniversario, unha década dándolle swing á cidade que conmemoran cunha exposición na Casa das Artes e o programa de concertos e actividades que abre o pianista Marco Mezquida.

Marco Mezquida
photo_camera Marco Mezquida

Dez anos conmemora Imaxina Sons como festival de referencia de jazz e, para celebralo, a Casa das Artes abre até o 27 de xullo a exposición “Vigo ten swing”, un repaso á unha cidade musical tomada polo jazz. O programa de concertos e actividades inaugúrase esta quinta 26 de xullo co pianista Marco Mezquida, “músico do ano”, en 2011, 2012 e 2013 segundo a Asociación de Músicos de Jazz Música Moderna de Cataluña. 

Xunto ao contrabaixista sueco Marko Lohikari e o batería arxentino Carlos Falanga o trío que puxo a andar Mezquida hai cinco anos, ofrecerán o primeiro dos concertos no Auditorio Municipal do Concello, na Praza do Rei. O programa do festival desenvolverase até o 5 de xullo en distintos espazos da cidade.

Cunha edición especial para conmemorar o seu décimo aniversario, o jazz feito na Galiza terá unha especial presenza en Imaxina Sons e, neste sentido, o pianista Alberto Conde presentará o seu proxecto Human Evolution Music Project (sábado 28), gravado en Portugal nun encontro cos sons da India. O grupo Sumrrá (quinta feira 3), prepara un proxecto especial no que colaborarán o guitarrista Alberto Cereijo (Os Suaves), a cantora flamenca Iria Peña e o cuarteto de corda vigués Suelen Estar Quartet.

A experimentación terá o MARCO como escenario que acollerá, entre outros ao francés Pierre Bastien (segunda feira 30) recoñecido mundialmente pola súa orquestra de autómatas e o catalán Xavi Lozano (terza feira1), creador de sons a partir de obxectos cotiáns.

Os concertos ao aire libre ofrecerán a oportunidade de ver ao gran trompetista Dave Douglas (sábado 5), co proxecto Riverside Quartet,  xunto co baixista Steve Swallow, clave no jazz dos anos sesenta. O pianista cubano que trunfa nos EUA, Alfredo Rodríguez  ofrecerá tamén un concerto en Imaxina Sons a quinta feira día 4.  A programación completa do festival pódese consultar na súa páxina www.imaxinasons.com ou en www.vigocultura.org

Celebrar dez anos 

Unha mirada á historia recente do jazz na cidade é o obxectivo da mostra “Vigo ten swing”. A data que inicia o relato expositivo é o 16 de xuño de 2005 na Casa das Artes de Vigo na que se inaugurou a exposición fotográfica Sons Imaxinarios. Imaxes reais, de Carmen Llussá e Javier Nombela, e a actuación dos guitarristas Chema Saiz e Santiago de la Muela. 

O propio festival e tamén os músicos, os locais e as formacións que fan de Vigo unha cidade do jazz son os protagonistas desta exposición que se remite tamén á historia anterior aos dez anos de Imaxina Sons, con especial referencia ao Festival Internacional de Jazz de Vigo dos anos oitenta, impulsado por Xuventudes Musicais.

Comentarios