sábado 27/11/21

Vigo homenaxea Xela Arias "pola valentía de rachar con pautas culturais do pasado"

A cidade colocou unha placa conmemorativa no edificio no que viviu a poeta. A AELG organiza diferentes obradoiros literarios nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria.
Acto de descuberta da placa na rúa Zamora, en Vigo (Foto: Nós Diario).
Acto de descuberta da placa na rúa Zamora, en Vigo (Foto: Nós Diario).

A poeta sarriá Xela Arias está presente deste esta sexta no rueiro da cidade na que medrou, Vigo.

O alcalde olívico, Abel Caballero, descubriu a placa que rende homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas 2021 no número 39 da rúa Zamora, onde chegou xunto á súa familia en 1969, con apenas sete anos.

No acto, no que tamén participaron Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e a nai e os irmáns da artista, o alcalde vigués agradeceu a designación de Xela Arias "pola valentía de rachar con pautas culturais do pasado e procurar unha artista nova que finou moi cedo", e salientou que a súa obra e o legado que deixa tras de si "permanecerán activos e vivos todo o ano" co desenvolvemento de "continuas actividades" na súa lembranza.

"Sentímonos enormemente agradecidos pola homenaxe, especialmente a miña nai, para quen esta placa ten especial importancia ao vir da veciñanza viguesa", sostivo Xoán Arias, irmán de Xela.

O presidente da RAG, pola súa banda, amosou a súa felicidade pola "extraordinaria acollida e participación social" que están a ter este ano as actividades organizadas por mor do Día das Letras Galegas, e lembrou a "empatía" de Arias coas novas xeracións e as novas sensibilidades.

Actividades da AELG

Noutra orde, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza estes días diferentes obradoiros literarios arredor da figura da poeta, que se imparten en centros de ensino de Educación Primaria (baixo o título Cada día, a familia) e Secundaria (Xela Arias e a revista literaria).

Aliás, están a disposición de toda a cidadanía dous proxectos didácticos sobre a autora elaborados pola docente Beatriz Maceda Abeleira, que levan por nome Xela Arias. A poesía como acción.

Vigo homenaxea Xela Arias "pola valentía de rachar con pautas culturais do pasado"
comentarios