A mostra permanecerá aberta até o 1 de novembro

Vigo enche o seu Museo do Mar coas colaxes de Xesús Carballido

Seica, como sempre nomea Carballido as súas mostras, está conformada por case un cento de pezas, na súa maior parte colaxes, a especialidade do autor, pero tamén hai ensamblaxes e outros obxectos.
Inauguracion-exposicion-Xesus-Carballido-25
photo_camera Unha das pezas que integra a mostra de Carballido. / badalnovas.com

"A mostra chámase Seica", di o autor, "que é o como sempre titulo, porque ese o nome máis axeitado xa que cando empregas esa palabra estás a dicir que sabes pero non sabes, que buscas saber algo máis... e na arte pasa exactamente igual".

Dese centenar de obras que integran a mostra, algunhas delas son pezas recuperadas entre as creadas por Carballido noutros momentos, pero "unha vintena foi creada ex profeso para esta exposición", comenta o propio artista. "Eu son de terra a dentro, e por iso non tiña pezas vencelladas ao mar, e para un museo como este pareceume preciso facer algunha peza inspirada en motivos mariñeiros", relata Carballido.

Nesta, coma noutras exposicións individuais e colectivas do autor, apréciase o seu gusto polo emprego de pequenos obxectos para crear a súa obra, desde tipos de imprenta até ferro forxado ou cunchas, sen esquecer etiquetas de produtos comerciais, entre outros aparellos. Ao fío disto, Carballido explica que o seu proceso creativo é "moi amplo porque collo de moitos lados, de diferentes técnicas, de cousas que atopo, dun libro que cae nas miñas mans...". Unha vez descuberto o punto de partida dunha obra, o artista comenta, "eu entro na colaxe coa miña idea pero logo el sempre é o que manda, vas descubrindo cousas porque el te vai levando", e asegura que "esa é a verdadeira experimentación, é onde se goza, como mergullarse nalgo que ten vida propia e que ti vas vivindo".

A pesar de que a Xesús Carballido non lle atrae especialmente expoñer, puntualiza que, "cada certo tempo hai que ensinar a obra pero non teño a necesidade de expoñer cada dous anos, nin cada cinco...", e engade, "trátase de facer o que a un lle gusta, sobrevivindo". "Entendo a arte como traballo, como estilo de vida, como unha maneira de estar no mundo", afonda Carballido, "traballo e traballo porque é o que me gusta, investigo, exploro novas vías e chega un momento no que todo ese material si que o queres ensinar".

Ao fío desta mostra, o artista do Carballiño quixo evocar unha das súas primeiras exposicións, na sede da Fundación Granell, "onde eu digamos que empecei a ser coñecido, por iso falo de que Eugenio Granell era o meu padriño artístico, porque me protexeu e me deu esa grande oportunidade".

A súa traxectoria premiouna este ano a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Fegalcat), outorgándolle o Alecrín das Artes, nun acto que tivo lugar en agosto no concello de Castro Caldelas. "Tómoo como un premio á miña traxectoria, porque xa levo traballando moitos anos, aínda que non me gusta estar moi exposto", comenta Carballido.

Sobre os proxectos de futuro, o artista comenta que "sempre se está a traballar, á parte de ter algún encargo, sempre estou a investigar, sobre todo no colaxe".

A mostra inaugurouse a pasada terza no Museo do Mar da Galiza, en Vigo e permanecerá aberta, no segundo edificio do museo, até o 1 de novembro. Na inauguración, o artista do Carballiño contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e da delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, entre outras personalidades

Comentarios