Vigo acolle a primeira homenaxe a Begoña Caamaño

Tres semanas despois da súa morte, a Universidade de Vigo, na cidade na que naceu, acolleu esta cuarta feira a primeira homenaxe á escritora Begoña Caamaño.

 

Homenaxe a Begoña Caamaño en Vigo
photo_camera Homenaxe a Begoña Caamaño en Vigo

No salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución e organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, desenvolveuse en Vigo a primeira homenaxe a Begoña Caamaño despois da súa morte hai tres semanas. O acto contou coa participación de María Xosé Queizán, Amanda Álvarez, Uxía, Estefanía González ou Antía Monteagudo e nel proxectouse un vídeo con imaxes e fragmentos da escritora. 

“Letras Nómades”

A memoria de Begoña Caamaño estará tamén presente esta sexta feira día 21 no acto que se desenvolverá en Compostela na libraría Lila de Lilith  ás 20 horas. Presentarase o libro Letras Nómades. Experiencias de mobilidade feminina na literatura galega.  (Frank & Timme, 2014), un libro colectivo que inclúe o texto de Begoña Caamaño “Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme”. 

O libro está coordinado por Ana Acuña e está composto por textos de un amplo grupo de autoras, algunhas delas participarán no acto da sexta ferira. Ademais da propia Ana Acuña intervirán  Manuela Palacios, Olivia Rodríguez, María Xesús Nogueira e Susana Sánchez Aríns. No fin da presentación farase unha lectura colectiva do texto de Begoña Caamaño. 

Comentarios