Videoxogos, literatura e outras artes teñen cita do 2 ao 4 de setembro no Marco de Vigo

Aberto o prazo para asistir ás Xornadas de Videoxogos e Literatura.
I Edición das Xornadas de Videoxogo e Literatura, de 2019. (Foto: Xornadas de Videoxogo e Literatura) #videoxogos #literatura #marco
photo_camera I Edición das Xornadas de Videoxogo e Literatura, de 2019. (Foto: Xornadas de Videoxogo e Literatura)

Profesionais do mundo dos videoxogos e da literatura compartirán as súas experiencias, consellos, perspectivas e ideas máis unha vez nas Xornadas de Videoxogo e Literatura. Organizado pola Fundación Carlos Casares, o encontro decorrerá o 2, 3 e 4 de setembro no Museo Marco de Vigo e en streaming, desde a canle das xornadas.

Ao carón do mundo dos videoxogos, a presenza doutros sectores e industrias culturais e creativas estará moi presente, mais en especial o mundo da literatura, segundo apuntan desde a organización. Desenvolveranse así mesmo obradoiros sobre dereitos de autor, ferramentas docentes e de guión e narrativa de videoxogos.

Faladoiros, conferencias, presentacións e talleres

O programa arranca na quinta feira 2 de setembro, ás 16 horas, coa inauguración a cargo da Fundación Carlos Casares. A esta séguenlle as palestras “Os comezos do audiovisual interactivo en España”, a cargo de Víctor Freixanes e Gilberto Sánchez, e “Os esports na Galiza e en España”, por Hugo Botana, Sandra Cabeza ‘Leviathan’, Diego Vidal e Hugo Santomé ‘Curruncho’. Xa para as 18.30 horas teñen programada a presentación da exposición "A literatura entra en xogo" e do proxecto "Música e videoxogos", na Fundación Museo do Videoxogo da Galiza.

Na sexta feira 3 de setembro comezarán ás 10 da mañá coa palestra “El cuento de sirena: Unha visión (pre) videolúdica de Gonzalo Torrente Ballester”, por Antonio Gil. Continúan con “Crea videoxogos narrativos sen saber programar. Unha aproximación a Bitsy e Twine”, da man de Miguel Valverde. 

Por outra banda, Ramón Méndez, Alba Calvo e Anxo Suárez achegaranse á “Tradución e localización de videoxogos” e Roberto Janeiro falará de “Dereitos de autor nos videoxogos e nas adaptacións literarias”. 

Ás 18 horas contarán coa mesa redonda “O galego nas redes sociais”, na que participan creadores de contido como Iago Gordillo, Mario García e Esther Estévez. Fechará a xornada Josué Monchán con “Guión e deseño narrativo nos videoxogos”. 

Para a primeira hora do sábado, 4 de setembro, teñen programado o taller de narrativas visuais "Cóntame un conto", que imparte Ramón Besonías. Xa ás 11 horas será a presentación de "Ti primeiro", da man de Roberto Alvite e Luz Castro. Para finalizar as xornadas decorrerá a 'desconferencia' “Ti participas”, moderada por Carlos Pereiro, un novo espazo de "micro aberto" onde o público poderá ser partícipe das xornadas.

Comentarios