[VÍDEO] Así soa 'Pano Corado', o novo "canto á diversidade" das Tanxugueiras

O trío de pandeireteiras difundiu esta sexta feira o seu novo videoclip.
photo_camera A banda Tanxugueiras, formada polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e máis Aida Tarrío, vén de publicar o videoclip do seu novo tema, 'Pano Corado', un "canto ao amor libre e á diversidade", precisaron.

A banda Tanxugueiras, formada polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e máis Aida Tarrío, vén de publicar o videoclip do seu novo sinxelo, 'Pano Corado', un "canto ao amor libre e á diversidade" que co-producen xunto a Iago Pico, de Pouland Studios.

"Queremos normalizar o amor e a vida. Queremos derrubar barreiras. Que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira", apunta o trío de pandeireteiras.

Os elementos tradicionais da Galiza volven ter un papel fundamental na obra das Tanxugueiras. Neste caso o pano, unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado agora nun pano con todas as cores.

Tanxugueiras presenta 'Pano Corado'. (Foto: Rocío Cibes)
Tanxugueiras presenta 'Pano Corado'. (Foto: Rocío Cibes)

Esta rumba procura facer "unha chiscadela especial ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa".

O novo sinxelo acompáñase dun vídeo dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan (axencia de Tanxugueiras), tándem habitual no desenvolvemento das pezas audiovisuais do grupo e que xa foi recoñecido na última edición dos Premios Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por 'Figa'.

Neste sentido, as pandeireteiras inciden no seu "interese de chegar", con esta canción, a todas nenas e nenos que as seguen: "Queremos que saiban e vexan que teñen referentes que as entenden, que as apoian e que celebran a diversidade".

Comentarios