A OPOSICIóN PIDE A RETIRADA DO CONTRATO NO QUE A XUNTA INVESTIU 302.000 EUROS

O vídeo de Enrique Iglesias xa se difunde nas redes sen os planos das cidades galegas

O vídeo de Enrique Iglesias está a difundirse xa en Youtube e demais plataformas sen os planos das cidades galegas. E iso porque no clip as imaxes da Galiza aparecen ao principio e sen acompañamento musical, co cal son fragmentos prescindíbeis na súa reprodución. Así o denunciou a oposición no Parlamento galego, no debate dunha proposición non de lei do BNG.

iglesias
photo_camera iglesias

Nas versións curtas do vídeo de Enrique Iglesias que están a rular pola rede xa teñen desaparecido as imaxes das cidades galegas (na metraxe orixinal aparecían todas as galegas, menos Pontevedra). Mesmo así, a Xunta negou no Parlamento a posibilidade de rescindir o contrato co cantante, o que lle reclamaba o BNG co apoio de toda a oposición. 

Todos os grupos da oposición coinciden: os 302.000 euros que a Xunta lle deu a Enrique Iglesias para a gravación do seu videoclip “Día y noche” é un despilfarro, unha vergoña e un insulto para os galegos e galegas e, moi especialmente, para a xente do mundo da cultura. As críticas aínda arrecian máis cando se comproba o que desde que se coñece o vídeo se sospeitaba, que os planos do inicio nas que se agrupaban as imaxes galegas desaparecen na difusión do que aparece como versión “oficial” da canción. 

Para Ana Pontón, o feito de que as imaxes da Torre de Hércules, da praia das Catedrais ou das pontes de Ourense non tivesen como fondo a canción e se agrupasen no inicio do vídeo facían adiviñar que a intención era eliminalas en canto fose posíbel

Para a deputada do BNG, Ana Pontón, que defendeu a iniciativa no Parlamento era fácil supor que o que está a pasar acontecería. O feito de que as imaxes da Torre de Hércules, da praia das Catedrais ou das pontes de Ourense non tivesen como fondo a canción e se agrupasen no inicio do vídeo facían adiviñar que a intención era eliminalas en canto fose posíbel. “Escándalo, vergoña e insulto”, dixo a deputada que centrou a súa intervención na comparanza dos cartos que a Xunta do PP dá ao cantante que reside en Miami cos das ordes de axudas ao sector cultural. Só unha, e por pouco, supera o investido na promoción da canción do fillo de Julio Iglesias. O resto, quedan tan por baixo como que nin unha soa película financiada pola Xunta acadou esa cantidade -con axudas por catro anos- menos da terza parte do que recibe Iglesias é o que a Consellaría de Cultura destina a festivais musicais e a axudas a traducións e para toda a rede galega de música ao vivo o departamento agora  dirixido por Román Rodríguez destina 54.000 euros, case a sexta parte do que costa a rave en Carboeiro. 

Tamén sexista

A deputada non evitou tamén valorar o contido do videoclip que definiu como “sexista”, cualificación que tamén apoiou Carme Iglesias, do grupo mixto. Canda Xavier Ron, de AGE e Francisco Caamaño, do PSOE, a oposición coincidiu á hora de reclamar a retirada do contrato con Iglesias. Ana Pontón lembrou o tirón de orellas do Consello de Contas á Xunta polos cartos destinados a Julio Iglesias polo goberno de Fraga e non dubidou en afirmar que o organismo fiscalizador falaría de desbaldimento polo episodio do fillo. 

O PP, pola contra, considerou oportuno o destino dos cartos públicos á produción do vídeo de Iglesias para a promoción de Galiza, malia recoñecer o deputado Agustín Vaamonde que non gostaba do estilo do cantante. O deputado deixou ver que a propia polémica está a contribuír a difusión do vídeo e de corrido adubou o seu discurso con tres frases da literatura e tradición española. “Lo importante es que hablen de uno”, comezou, para seguir co Espronceda de “no corta el mar si no vuela” e engadir o dito de “en este mundo traidor nada es verdad ni mentira”. En definitiva, para defender que o vídeo de Enrique Iglesias, malia que no debate se lle dixera que eliminara as imaxes do país, continúa a ser un reclamo para o turismo na Galiza. 

Comentarios