Un vídeo das Tanxugueiras faise viral en Escocia

As tres pandereteiras acompañaron á Banda das Crechas ao Celtic Connections de Glasgow o pasado xaneiro, e un escocés gravounas no ‘backstage’ dun concerto. O vídeo acadou case 200.000 visualizacións.

tanxugueiras
photo_camera As Tanxugueiras en The Glasgow Royal Concerta Hall con algúns membros da Banda das Crechas [Foto: Facebook do grupo]

No vídeo, gravado polo músico escocés Tom Bancroft nun descanso dunha das actuacións e logo colgado no seu Facebook, as cantareiras non cantan un tema galego senón castelán, ‘Las Panaderas’. E Bancroft fai un curioso comentario verbo do concerto oficial: “So far it is Galicia 7 Rajastan 5 Scotland 0”, puntuando o nivel musical dos grupos que había nese momento no escenario. 

A escena foi compartida máis de 2.500 veces no Facebook e visualizada en 192.000 ocasións. 

A representación galega no Celtic Connections deste 2017 foron Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e a Banda das Crechas, que nesta ocasión, ante a imposibilidade de que acudise o seu vocalista habitual (Davide Salvado), convidaron ás Tanxugueiras a que os acompañasen a este festival. Banda e Tanxugueiras tamén participaron no concerto-homenaxe a Angus Grant ('A night for Angus'), o violinista de Shooglenifty finado o pasado ano, que mantiña unha estreita relación con Galiza. 

Quen son as Tanxugueiras?

Aínda sen disco publicado nin moito percorrido en directo, estas tres mozas (Sabela e Olaia Maneiro e Aida Tarrío) son as pandereteiras revelación dos últimos meses. Delas todo o mundo destaca, alén das cualidades técnicas, a súa actitude no escenario. Xa foron convidadas a comezos de ano a cantar con Xabier Díaz e as Adufeiras nun concerto en Compostela e agora a súa viaxe a terras escocesas vén de confirmalas como as grandes promesas do trad feminino.