MÚSICA

As vidas varias do jazz galego

Os festivais multiplícanse. As escolas e os músicos profesionais tamén. Aquel ritmo nado nas comunidades afroamericanas a inicios do XX pasa en Galiza por unha vizosa idade. Falta máis presenza das mulleres e que se evite o risco da homoxeinización advertido por algunhas voces. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_5_FS_Jazz
photo_camera Sesión de jazz.

m_5_FS_JazzO primeiro elepé de Clunia, Clunia Jazz (1982), é, segundo o consenso crítico, a pedra fundacional do jazz galego. Máis alá da súa obxectiva condición pioneira, o trío –ocasionalmente ampliado– conformábano Nani García ao piano, Baldo Martínez no baixo e Fernando Llorca na batería, nomes ubicuos e centrais para comprender o nacemento e desenvolvemento do xénero en Galiza.

A case catro décadas daquel xesto inaugural, a máis emblemática das músicas nadas nas comunidades afroamericanas dos Estados Unidos adquiriu vida propia nesta beira do atlántico. Sucédense os festivais –o último, o de Pontevedra; o de Cangas fará 40 anos da súa primeira edición– e das escolas emerxen novas promocións de intérpretes.

“Desde fóra de Galiza fálase do jazz galego. Chámalles a atención a gran cantidade de músicos profesionais que hai en activo. E é talvez a escena principal do Estado, despois de Madrid e Barcelona”, considera para este semanario María Vence, unha das responsábeis do selo Free Code, con sede no Morrazo. A marca colocou no mercado 125 discos e en nada serán 126, entre eles recoñecidas obras de Sumrrá –3 ao vivo (2008)–, insólitas alianzas dirixidas a sabotar ideas proconcibidas sobre o tradicional e o jazz a cargo de Mónica de Nut e con Virxilio da Silva na guitarra –Dos fíos invisibles chegan as cores (2013)–, máis de 15 obras do clásico Paco Charlín, fundador da discográfica, ou pezas das xeracións máis novas, como o Xan Campos Trío ou Iago Fernández.

Ao fondo da relativa explosión do jazz galego Vence menciona a importancia do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Constituído en Cangas do Morrazo –o papel desta vila na materia é historicamente fulcral–, no ano 2000 instalouse na cidade do Lérez. Co pianista Abe Rábade entre os docentes, edita discos do alumnado e impulsa o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que decorreu o pasado mes do día 23 ao 28.

Mais a evidente abundancia de novas voces non é sinónimo, para algúns, de saúde estética. O saxofonista Pablo Sax enfoca o seu traballo cara ás correntes máis radicais do jazz: a libre improvisación e o denominado free jazz. É escéptico sobre a existencia de características propias do jazz galego. “O que fixo Pablo Castaño cos alalás, por exemplo, está ben, pero ten unha pegada tan norteamericana que non sei...”, explica dubidoso a Sermos, “os discos de Baldo Martínez coa zanfona ou o primeiro de Clunia... Pero é que tampouco creo que o jazz se identifique cunha parte do mundo. É unha música libre que se apropia do que precisa”. Así é a súa, desde logo. Se o seu disco Amorgama á fronte dun trío rende tributo a algúns mestres das faccións máis radicalizadas do xénero, de Ornette Coleman a Anthony Braxton, co grupo Comando Radar ensaia a improvisación libre baixo condución. Con outro trío, Fritanga, en que David Santos leva o baixo e LAR Legido a batería e outros obxectos percutíbeis, desafían lugares comúns. Desde eses territorios menos explorados, Sax critica “a procura de titulite” que, ao seu ver, domina o jazz en Galiza.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios