Todos os rostos da escritora do Día das Letras 2018

As vidas de María Victoria Moreno

A cuarta muller á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas naceu na Extremadura española, optou politicamente polo galego e fixo da docencia e a escrita para a infancia os eixos dunha vida a prol dunha cultura en liberdade. Un feixe de libros repasan a súa obra e biografía. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 296.

MVM
photo_camera [Imaxe: Cedida por Pedro Ferriol] María Victoria Moreno

7As figuras que van engordando o palmarés do Día das Letras adoitan situarse entre as máis analizadas da literatura galega. Tamén está a suceder con María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939-Pontevedra, 2005), obxecto dun curioso paradoxo: a súa obra e existencia son máis atendidas este 2018 que durante a maior parte dos 40 anos en que produciu literatura e practicou a docencia, as dúas facetas principais da súa actividade literaria.

Montse Pena Presas, crítica especialista en libros dirixidos á infancia e a mocidade, abriu fogo con A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (Galaxia, 2018), das primeiras achegas biobibliográficas á autora. Interpretativa e partisana, afirma: “Moreno non entra no canon dos persoeiros homenaxeados tradicionalmente por ser muller, por escribir literatura infantil e xuvenil e por adiantada ao seu tempo”. 

Da man do seu amigo de anos Xavier Senín e da tradutora Isabel Soto saíu María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). “Quizais o obxectivo principal deste volume”, escriben no limiar, “sexa divulgar e animar cara á lectura da obra dunha autora de textos esencialmente breves, mais fundamentais para entender as orixes e o primeiro desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil galega”. Senín mantivo unha estreita amizade coa autora e ao seu labor débense non poucas das iniciativas que sostiveron o seu legado despois de falecida, de edicións póstumas a traducións.

Ás lectoras e lectores máis novas, as mesmas para quen tanto escribiu Moreno, dirixen as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey a súa obra María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito (Xerais, 2018). “Este libro é un acto de cariño en que as autoras ofrecen un fermoso retrato de Moreno”, indican desde a editorial. Outra visión para a infancia deuna Eli Ríos na serie Mulleres Bravas da editorial Urco. A súa María Victoria Moreno (2016) foi un estudo pioneiro, que se adiantou á vaga investigadora das Letras Galegas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 296 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios