Cúmprense 18 anos da morte do actor e escritor

Vidal Bolaño, unha figura chave da cultura galega

Francisco Macías define o traballo cultural de Vidal Bolaño falando dunha persoa "todoterreo". O creador cultivou a literatura e a arte, a través do cinema e do teatro.
RobertoVidalBolaño
photo_camera Roberto Vidal Bolaño. (Foto: Europa Press)
11 de agosto de 2002, con tan só 52 anos, faleceu en Santiago de Compostela, após unha dura enfermidade que nos amosou o mellor del, Roberto Vidal Bolaño. A súa morte colleuno nunha etapa de madurez artística e literaria, cunha importante obra e bagaxe detrás pero cando estaba por chegar o mellor no ámbito creativo. O escritor e actor marchou deixándonos a lembranza do seu inesquecíbel chapeu, do seu inconfundíbel bigote, do seu inseparábel cigarro e toda a herdanza dunha produción literaria e artística que explican as tres últimas décadas do século XX do teatro e da literatura dramática na Galiza.
 
“Foi un todoterreo”, sinala Francisco Macías para definir o seu labor cultural. Un traballo que xurde ligado ás primeiras iniciativas para pór en marcha un cinema galego a comezos da década dos 70, concretamente arredor do colectivo compostelán Raíña Lupa, onde coincide con Euloxio Ruibal, outro dos grandes dramaturgos galegos da época canda Manuel Lourenzo. O cinema vai estar sempre presente no traballo de Bolaño, que mesmo se desprazou a Madrid á volta de 1975 para cursar estudos na Escola de Cinema e que participou en ducias de filmes e  series televisivas.
 
Vidal Bolaño ficou, esencialmente, para a cultura galega como unha persoa de teatro. Neste ámbito desenvolveuse como actor desde aquel primeiro grupo “Obradoiro” e xa desde 1974 naquel mítico “Teatro do Antroido”, a primeira compañía profesional da Galiza, que destacou naqueles anos iniciais do festival de Ribadavia. Ao tempo, sinalouse como dramaturgo con obras chaves do teatro galego como Rastros, unha dura e pioneira crítica ao modelo da Transición, Saxo tenor, As actas escuras ou Agasallo de sombras, onde aparece con claridade a súa preocupación Rosaliana tan presente en toda a súa produción literaria.
 
Francisco Macías, director de Edicións Positivas e editor da obra completa de Vidal Bolaño cualifícao como “un dos grandes escritores da literatura galega” e considera que a súa produción literaria “está descoñecida porque existe unha falla de consideración coa literatura teatral, algo que acontece na literatura galega pero non nas literaturas normalizadas”. Porén, Macías quédase co amigo, “un ser excepcional, un tipo único”, “eu coñecín xente en situacións extremas na miña vida pero pouca xente da súa calidade humana. É das persoas máis intensas que vin na miña vida”

Comentarios