A vida de María Soliña nunha ópera-folk

O próximo 8 de maio estréase no Auditorio de Cangas a primeira ópera-folk galega que narra a historia de María Soliña, unha muller canguesa que, con 70 anos, foi acusada de ser bruxa e despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos no século XVII. O compositor da obra, Nacho Mañá, a soprano protagonista, Carmen Durán, e o libretista e tenor, José R. Bustamente explican a 'Nós Diario' a importancia desta figura e como reinterpretan cunha visión máis moderna os valores de loita e poder feminino que Soliña representou durante a súa vida.  
 
Sonia Couto, Sonia Salgado e María Fernández ensaiando o seu papel de meigas na ópera. (Foto: Cedida)
photo_camera Sonia Couto, Sonia Salgado e María Fernández ensaiando o seu papel de meigas na ópera. (Foto: Cedida)

A primeira opera-folk galega estréase o día 8 de maio en  Cangas e versará sobre a historia de María Soliña, unha veciña da localidade que no século XVII foi axustizada pola Inquisición por considerala meiga.

O seu autor e compositor, Nacho Mañá (1999), asistiu á representación da obra A defensa da vila. María Soliña en 2017, escrita polo antigo alcalde cangués Xosé Manuel Pazos, recentemente finado, “quedei abraiado coa representación e desde aí decidín que quería realizar un proxecto sobre o tema”, explica en conversa con Nós Diario.

Mañá púxose en contacto con Carmen Durán, consolidada soprano viguesa e presidenta da asociación canguesa O Muíño da Coutada, “entusiasmoume o proxecto e comezamos a falar con amigos e compañeiros para poder sacar adiante esta iniciativa e abríronse todas as portas”, explica Durán ao xornal.

Así xurdiu  a ópera co libreto realizado por José R. Bustamante, a dirección escénica de Sigfrid Monleón, director de cine con catro nomeamentos aos Goya, e o apoio do Goberno local. “Pazos desde o primeiro momento deume total liberdade artística e facilitoume os textos da súa obra nos que me baseei para realizar este traballo, no que tamén hai versos de Celso Emilio Ferreiro e citas de autores gregos”, conta Bustamante. 

A mestura da ópera e o folk galego, estilo no que Mañá afondou cando estudaba en Cambrige, apréciase na utilización de instrumentos clásicos orquestrais (que estarán a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430) sumados aos sons galegos da gaita e zanfona interpretados por Anxo Lorenzo e Anxo Pintos, respectivamente.

Ademais, esta mestura serve para “non só pór en valor o patrimonio cultural do país, senón tamén para poder difundilo internacionalmente”, apunta o compositor. Con todas as entradas vendidas para o primeiro día, a produtora ampliou a representación á xornada seguinte “no que tamén emitiremos vía streaming e de forma gratuíta nos centros galegos de todo o mundo”.

Identificada con Soliña

Carmen Durán será a encargada de interpretar María Soliña, de 70 anos, acusada de ser bruxa polo poder eclesiástico para poder quitarlle a súa fortuna. "Síntome totalmente identificada con esta muller emprendedora, símbolo da loita feminista e exemplo para moitas de nós. Eu vivín a ditadura, sei o que é que nos recorten liberdades e desde nena admirábaa", comenta a soprano. "O meu momento favorito da ópera é cando me enfronto ao inquisidor", agrega Durán.

Ademais de ser o letrista e asistente de dirección escénica, Bustamente interpreta o papel de Pedro Barba, marido de María Soliña."No fogar, de cando en vez, dásenos por ensaiar e soltar algún que outro vocinazo, mais os veciños, polo de agora, non nos dixeron nada", ri o tenor, que é parella de Durán. 

A personaxe antagonista da historia, Sabela, é interpretada polo contratenor Christian Gil-Borrelli, quen "representa a culpa dunha persoa que se atopa insegura da súa sexualidade, séntese oprimida pola sociedade e , por mor da envexa á liberdade da protagonista, acúsaa ante a Inquisición", explica o letrista. 

O resto do elenco complétase con Antonio Alonso, que realiza o papel do inquisidor, Lois Soaxe, que realizará o papel de narrador cego, e un grupo de mulleres de Cangas que interpretarán o coro na ópera. 

"Temos a sorte de contar con grandes profesionais con formación e con grandes actores e actrices que, malia non ter a mesma formación, co seu entusiasmo fan que todo sexa moi sinxelo", valora o compositor Nacho Mañá. 

Produción artística en tempos de pandemia

O proxecto, que planeaba estrearse en xaneiro deste ano, tivo que adiarse até o mes de maio por mor das restricións para poder saír á escena. Neste tempo, a produción perdeu un dos seus maiores apoios, o dramaturgo e ex alcalde cangués Xosé Manuel Pazos, que faleceu a finais do mes de xaneiro. "O seu pasamento deixounos sumidos na tristeza e orfandade, pero agora máis que nunca queremos que esta ópera sexa unha homenaxe á súa vida e obra, porque sen a forza e verdade teatral da súa María Soliña este proxecto marabilloso non existiría", sinala Durán. 

A unhas semanas da estrea, os preparativos "están a ser difíciles pola situación actual, as máscaras ou o medo a poder estrear ou non suman un estrés que, grazas ao entusiasmo do equipo conformado, imos superando aos poucos. Por sorte o día 9 remata o estado de alarma e, malia que aínda non se sabe ao detalle como van variar as cousas, esperamos que poidamos baixar as restricións e así poder albergar máis de 150 persoas nun auditorio que ten capacidade para 700", apunta Durán.  Xa podemos ver adiantos da ópera sobre María Soliña na canle de Youtube creada para a ocasión co obxectivo de "traspasar as fronteiras galegas e que todo o mundo poida desfrutar desta versión moderna da historia dunha muller típica de Cangas que deixou a súa pegada na historia galega".

Comentarios