Vida Ártabra, un documental en defensa do territorio

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros proxecta a segunda 3 de febreiro o documental Vida Ártabra, de Iago Prada, no Forum Metropolitano da Coruña, após ter que retrasar a data. A entrada é de balde até completar aforo.
Detalle do cartaz de Vida Ártabra.
photo_camera Detalle do cartaz de Vida Ártabra.

A diferencia de Compostela ou Vigo, A Coruña é a única das tres grandes cidades galegas que non conta cunha vía de circunvalación que permita un tráfico fluído que beneficie, especialmente, ás habitantes da periferia. Ante este problema presentouse unha solución: a Vía Ártabra. Porén, o plan proposto polo Goberno non resolve moitas das necesidades da veciñanza, ademais de ter un grande impacto medioambiental de consecuencias irreparábeis. Así o denuncia o realizador Iago Prada en Vía Ártabra, un audiovisual en defensa da zona húmida da Gándara.

"É o lugar onde me criei, onde aprendín a respectar a natureza percorrendo cada un dous seus recunchos. Saber que vai ser destruída para facer unha autovía con área de peaxe resultou duro", comenta o director, en referencia ao pulo que o levou a pór en marcha o proxecto. As voces de testemuñas diversas relatan desde distintos puntos de vista a historia, que o realizador compón fiando nun relato de alto valor documental. Así, desfilan pola pantalla científicas, representantes da Xunta, alcaldes da zona, colectivos ecoloxistas ou a propia veciñanza afectada. Ademais, a voz en off vai resultar especialmente familiar, pois pona Mini Rivas.

O concelleiro de Urbanismo e Obras de Cambre, Juan González Leiros, explica na peza as orixes do plan sectorial e as afeccións que a Vía Ártabra terá sobre a área metropolitana en xeral, e sobre o municipio cambrés en particular. A máis importante consiste na destrución da zona húmida da Gándara, un elemento fundamental da infraestrutura verde do municipio. "A película comeza explicando que é o plan sectorial, que son as infraestruturas, porque hai que facelas...", explica Prada. Despois, avanza cara ás consecuencias dunha mala planificación, que pode afectar negativamente. A Gándara é un espazo protexido polo seu valor patrimonial e, sobre todo, por ser o fogar de catro especies en perigo de extinción –entre elas, a escribenta das canaveiras. Por iso, a veciñanza de Cambre presentou un trazado alternativo máis curto e económico que protexe a zona húmida, mais foi rexeitado pola Xunta.

Cunha traxectoria vinculada ás causas sociais desde a catástrofe do Prestige, Iago Prada ten xa asinado varias producións que o levaron por todo o mundo, como o documental O raio verde, rodado en Cuba, ou A baía en pé, que narra a problemática vencellada a unha planta de Delphi de San Francisco.

Comentarios