Víctor Freixanes ten intención de dar paso a outra persoa ao fronte da dirección xeral de Galaxia

Reestruturación en Galaxia. Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) xubílase e ten intención de dar paso a outra persoa ao fronte da dirección xeral da empresa.

Víctor_Freixanes
photo_camera Víctor_Freixanes

Segundo puido saber Sermos Galiza, Víctor Freixanes -un dos escritores de currículo máis poderoso da literatura galega e tamén profesor de xornalismo da USC- manterá a súa condición de conselleiro da empresa, presidente da Fundación Otero Pedrayo e a dirección da revista Grial.

Freixanes chegou á dirección xeral de Galaxia en 2002, cargo no que veu substituír o tamén escritor Carlos Casares, falecido ese mesmo ano.

O Consello de Administración de Galaxia vaise reunir esta segunda feira de tarde nun encontro en que se podería tomar xa a decisión de que persoa vaia relevar Freixanes ao fronte da Dirección Xeral.

Natural de Pontevedra, onde naceu en 1951,Vítor Freixanes comezou a finais da década dos 80 a asumir responsabilidades no mundo da edición. Foi director de Xerais entre 1989 e 1993. De 1994 a 1998 foi director xeral de Alianza Editorial e no 2002, co pasamento de Carlos Casares,pasaba a dirixir Galaxia.

Mais o seu papel non se limita á edición. Profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, presentou na Televisión de Galicia o programa dedicado aos libros e á literatura A Trabe de Ouro (1986-1987). En 1976 saíu do prelo o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos, un libro de entrevistas e en 1980 publicou Memoria dun fuxido. Gañou o premio Modesto R. Figueiredo en 1978 con A caza de cascudas. Con O triángulo inscrito na circunferencia (1982) gañou o premio Blanco Amor. O enxoval da noiva (1988) e A cidade dos césares (1993) e Cabalo de Ouros (2010) son outras das súas obras

Comentarios