Cultura

Víctor Freixanes: "É un erro reducir Carvalho á polémica ortográfica, iso oculta a montaña"

A para moitas agardada (e adiada) homenaxe a Ricardo Carvalho Calero chega co Día das Letras Galegas confinado e as celebracións movidas para 31 de outubro. Non son poucas as dúbidas que xorden, entre elas a posibilidade, reclamada por diferentes asociacións e para a que a propia Xunta aprecia argumentos, de prolongar o ano do autor a 2021. O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, comenta con Nós Diario a figura do que foi mestre seu.
O escritor Victor Freixanes
photo_camera O escritor Victor Freixanes

Que destacaría dunha personalidade tan multifacética como a de Ricardo Carvalho Calero?

Todo. É unha eiva reducir Carvalho Calero á polémica ortográfica dos últimos anos da súa vida. Esa é unha cuestión importante, pero que oculta unha vida riquísima, desde a súa incorporación como estudante moi novo ao Seminario de Estudos Galegos nos anos 20, até o final dos seus días. A súa vida é unha crónica do galeguismo, como o ano pasado con Antonio Fraguas, que presentaba iso doutra maneira.

Carvalho Calero é a ilusión e o entusiasmo desa mocidade da República, cando participa con Lois Tobío naquel borrador de Estatuto de Autonomía federal. É a represión, a traxedia da Guerra Civil, a cadea, aquilo que chamamos o exilio interior, que caracteriza esa época e aquel grupo de resistentes que foi a editorial Galaxia, onde Carvalho se integra moi especialmente. Antonio Fernández, quen lle dá traballo en 1950 até 1965 no colexio Fingoi de Lugo, é un dos fundadores da editorial. A súa relación con Ramón Piñeiro, con Francisco Fernández del Riego, con Xaime Isla Couto... Son os que lle encargan ademais a Historia da Literatura Galega Contemporánea e a Gramática Elemental do Galego Común, pensando que podía empezar a traballarse o galego en certos niveis de ensino.

"Carvalho é un disciplinado militante da causa"

Carvalho é un disciplinado militante da causa, así como un creador literario, que sempre se sentiu fundamentalmente poeta. Pero como home disciplinado que era ao servizo dunha causa, a da lingua, a cultura e a identidade nacional da Galiza, aceptou o papel de construtor de todos eses edificios dos que falabamos antes, moi fundamentalmente da súa Historia da Literatura, que é un monumento.

Carvalho definíase como poeta, incluíndo niso a dimensión dramática e épica. Ten un libro predilecto nesta faceta?

O meu libro preferido de Carvalho, con toda sinceridade, é a Historia da Literatura. Pero por que? Pois porque eu fun alumno del. Cando chegamos á universidade a finais dos 60, moi militantes e implicados co galeguismo, antifranquistas e todas esas cousas, tamén moi novos e desinformados, Carvalho Calero nas súas aulas ordenaba o coñecemento. Un profesor ten que prender a chispa da curiosidade nos alumnos e,  despois, xerarquizar a información e abordar todo iso desde un distanciamento obxectivo. El cumpría isto, cunha metodoloxía documentada que facía extraordinariamente útil todo o que nos daba.

Hai algúns sectores aos que, sen querer criticar a ninguén, parece que Carvalho só lles interesa polo reintegracionismo

Era un home moi cordial e respectuoso connosco, quizais distante nun primeiro achegamento, pero eu débolle a orde en todo aquel caos (ou descoñecemento), cheos de tópicos como estabamos. Ese recordo do profesor explicando Rosalía, Cabanillas, as Irmandades... Todo iso deixounos o coñecemento e a realidade do país. Viaxar pola lingua, pola historia da literatura e da cultura, é viaxar pola propia sociedade, polos seus momentos de esplendor e decadencia, de soños e fracasos. Esa crónica, sen necesidade de grandes retóricas, era o que recibiamos nas clases. Ese libro resume moi ben a miña memoria del, o que non quita que volvese recentemente á súa poesía, dun galego culto e literario. Fronte a escritores como Neira Vilas ou Lamas Carvajal, que alimentan a lingua de aldea, el, que era un urbanita, constúe o seu galego desde a tradición literaria. Iso nótase moito na obra.

O reintegracionismo que, segundo comentaba, ocultou outras dimensións do autor, atrasou, como teñen denunciado varios colectivos, as Letras de Carvalho?

Non sei se foi ese tema, seguramente tamén. Ao final el tivo unha serie de desencontros cos compañeiros de xeración e iso influíu moito na consideración da súa figura. Tamén foi chegando á Academia unha nova fornada, algúns alumnos del, outros máis novos, que miran con máis tranquilidade e distanciamento estas cuestións. Porén, o que a Academia celebra non é unha polémica, respectando as posicións de cadaquén, senón unha figura rica, chea de contribucións á nosa literatura e sen a que non se poden entender moitos aspectos das Letras Galegas contemporáneas no plano da investigación e da crítica, mesmo no da creación. Creo que é un erro centrar o debate na cuestión ortográfica, porque oculta a montaña.

"Ao final el tivo unha serie de desencontros cos compañeiros de xeración e iso influíu moito na consideración da súa figura"

Con todo, que sexa homenaxeado pon sobre a mesa certos debates, como o do binormativismo, cando menos para algúns sectores.

Hai algúns sectores aos que, sen querer criticar a ninguén, pois moitos deles son amigos meus, parece que Carvalho só lles interesa por iso. Non. Ricardo Carvalho Calero é máis ca iso. Aínda que tamén é iso.

É obriga, ante o clamor de varias entidades e mesmo cunha Xunta disposta, preguntar pola prolongación da homenaxe a Carvalho ao ano 2021. A decisión, como xa declarou, tomarase nun pleno?

É o que corresponde. A Academia é a soberana que decide o Día das Letras Galegas. É a primeira interesada en que a celebración sexa coherente e digna. Cando pouse un pouco este trebón, a RAG reunirase e tomará unha decisión valorando as circunstancias e tamén o que se está a facer arredor da Carvalho, porque é unha figura que non está oculta en absoluto. Calquera persoa interesada na nosa cultura, mesmo de fóra da Galiza, atopará a súa vitalidade en publicacións periódicas, libros, audiovisuais... Estamos a facer unha divulgación enorme da obra del a través das nosas plataformas na rede. O Día das Letras tamén ten que continuar o ano 2021, 2022... con outras achegas. Eu como presidente non debo posicionarme, débome ao pronunciamento do plenario.

Cando pouse un pouco este trebón, a RAG reunirase e tomará unha decisión valorando as circunstancias e tamén o que se está a facer arredor da Carvalho, porque é unha figura que non está oculta en absoluto

Moitas obras están descatalogadas ou son difíciles de atopar fóra de bibliotecas. Haberá reedicións?

Polo que sei, xa está habendo. Iso non é unha responsabilidade nunca da Academia. As que abordan a difusión son as editoriais como empresas de iniciativa privada. Eu sei dalgunhas que están a reeditar materiais, por exemplo, algúns dos libros de entrevistas como o de Carme Campo. Igual de crítica ou investigación é máis complicado. Galaxia sacará a Historia da Literatura nun facsimilar.

carvalho tele 3

"Débolle a Carvalho Calero a descuberta de Cunqueiro"

Freixanes aínda lembra como foi Carvalho quen lle descubriu Cunqueiro: "El foi quen puxo nas miñas mans por primeira vez Merlín e familia. Estouno vendo, no corredor da facultade... Colleu un día, el sabía que eu escribía, e díxome: 'tome, lea isto'. Para nós Cunqueiro era unha especie de escapista fantasioso. E quedei abraiado". Anos despois, Freixanes entrevistaría o ferrolán en A trabe de ouro (TVG), considerando "xusto dedicar un programa a alguén que marcou o noso descubrimento das cousas." 

Comentarios