Freixanes é reelixido presidente da Real Academia Galega

Na presentación do seu proxecto para os próximos catro anos, instou a promocionar de forma activa o uso da lingua entre a mocidade.
As e os académicos que asistiron presencialmente ao pleno, posando tras a sesión (Foto: RAG).
photo_camera As e os académicos que asistiron presencialmente ao pleno, posando tras a sesión (Foto: RAG).

O pleno da Real Academia Galega (RAG), reunido de forma telemática mais con algúns catedráticos e catedráticas presentes, reelixiu este sábado Víctor Fernández Freixanes como presidente da institución, con 17 votos a favor e tres abstencións.

O seu mandato rematara o pasado 28 de marzo, catro anos despois de recalar na presidencia, e desde entón estivera ao mando, en funcións, o catedrático Henrique Monteagudo. Agora Freixanes volve ocupar o posto tras ratificarse a súa elección nun proceso no que era o único candidato.

Na nova comisión executiva acompañarano Margarita Ledo (secretaria), Fina Casalderrey (tesoureira), Marilar Aleixandre (arquiveira-bibliotecaria) e o propio Monteagudo (vicesecretario). Segundo informou a RAG, o presidente agradeceu a todas e todos os catedráticos a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga, após completar oito anos no posto de vicesecretario.

Promover a lingua entre a xente nova

Na exposición do seu proxecto, Freixanes apostou pola "continuidade" do traballo feito ao longo destes anos, pondo o foco no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social. En concreto, fixo alusión á importancia de promocionar a presenza activa do idioma entre a mocidade do país.

"A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornábel coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, póndoo ao servizo da sociedade", salientou.

Neste senso, adiantou que a institución seguirá a fomentar os próximos catro anos colaboracións con "novos creadores audiovisuais", como as desenvolvidas no proxecto Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, así como a "divulgación da riqueza lingüística na rede" a través de iniciativas como o Portal das Palabras ou Galiza Nomeada (plataforma colaborativa de recollida de topónimos).

"A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non coma un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendíbel cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar", concluíu Freixanes.

Aliás, instou a tecer vencellos con outras linguas e culturas próximas, "moi principalmente coa área lusobrasileira", así como o fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas "na procura de obxectivos comúns".

Comentarios