'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Victor Barbeito: “A situación estratéxica de Neixón faino un enclave nos que os intercambios deixaron pegada”

Os Castros de Neixón atópanse emprazados nunha pequena península no extremo setentrional da ría de Arousa, na parroquia de Cespón, no concello de Boiro. É unha pequena lingua de terra situada fronte a Rianxo. Sabemos máis deles con esta entregada asinada por Víctor Barbeito, director do Museo Arqueolóxico de Neixón e que fai parte do coleccionábel  ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Vítor Barbeito

En relación aos Castro de Neixón, o aspecto máis salientábel é que parecen dous castros ocupados en momentos temporais distintos pero moi perto un do outro. Que hipótese -ou hipóteses- poden ser as máis probábeis para que acontecera isto? 

Existen varias posíbeis explicacións, desde cuestións ambientais e climáticas, como un cambio súbito no clima que obrigue a despregarse cara o interior, aínda que, de ser o caso, pouco me parece retroceder menos de 200 metros cara ao interior da península para paliar as posíbeis modificacións climáticas que impidan manter o hábitat no Castro Pequeno.

Outra posibilidade é que realmente si teña existido continuidade habitacional no Pequeno, e non se teña detectado polo momento, que esta sucedese nunha zona restrinxida na que non se teñan aínda realizado actuacións arqueolóxicas. Ou cuestións máis de ámbito símbólico, como amortizacion deste espazo por cuestións rituais ou mesmo sanitarias.

No seu traballo fai fincapé na grande cantidade, proporcionalmente, de restos de cerámica, tanto de produción propia como doutras zonas ben afastadas. Podería isto indicar unha relación comercial especialmente intensa? Que tipo de produtos poderían conter as ánforas?

Iso parece, o cando menos é o que teñen sinalado os colegas que teñen investigado esta cuestión en profundidade. Certo é que a situación estratéxica de Neixón cara ao mar, fai deste espazo, xunto con outros moitos castros marítimos, enclaves nos que a navegación e o intercambio de produtos comerciais deixou unha forte pegada, e que hoxe somos capaces de identificar grazas aos restos materiais que recuperamos durante as escavacións arqueolóxicas. 

As ánforas son contedores de múltiples produtos, entre outros, viños, aceites ou o famoso "garum" ou salsa de peixes de extraordinaria fama na Antigüidade. 

“Na maior parte dos equipamentos museográficos en Galiza son unipersoais, onde unha única persoa fai as funcións de dirección e conserxe, de fontaneiro a electricista pasando por técnico informático”

Os centros de interpretación son un instrumento axeitado para divulgar entre o grande público os achádegos das escavacións? Podería haber outros e de que tipo? É preciso unha rede museística que poña en relación os centros de interpretación que hai espallados por Galiza e, de ser así, que características debería ter?

Resulta complexo atinar en tan pouco espazo estas cuestións; son preguntas de moito calado. Os centros de interpretación acaban de ser regulados legalmente por primeira vez fai uns meses (Lei 7/2021, de 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galiza), até aquí permanecían nun limbo legal. Sen dúbida teñen un enorme potencial, e precisan unha coordinación e quizais unha dirección que sinale obxectivos xerais, pero non nos enganemos, a maior parte dos equipamentos museográficos en Galiza son unipersoais, onde unha única persoa fai as funcións de dirección e conserxe, de fontaneiro a electricista pasando por técnico informático.

Os recursos son moi limitados -cando os hai- e non estamos na axenda política nin nos quebracabezas do día a día da nosa sociedade. Iso, sen entrar a comentar a precariedade laboral do sector. 

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios