Vicepresidencia da Deputación de Lugo financia 135 actividades culturais e actuacións de mellora en locais

A área de Cultura ven de publicar a resolución definitiva das liñas de axuda a asociacións, cun importe total de 200.000 euros

Maite Ferreiro, con Manuel Fernández (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Maite Ferreiro, con Manuel Fernández (Foto: Deputación de Lugo).

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financia máis de 135 actividades culturais e de actuacións de mellora en locais sociais nas distintas comarcas a través axudas de concorrencia competitiva para asociacións. No día de onte publicouse no Boletín Oficial da Provincia a resolución definitiva da concesión das subvencións, que suman un importe de 200.000 euros.

130.000 euros destínanse a financiar actividades desenvolvidas polos colectivos culturais, desde actividades de formación e difusión da música tradicional, certames literarios, xornadas divulgativas ou festivais ata publicacións e producións audiovisuais.

71.000 euros distribúense entre os colectivos que solicitaron axudas para realizaren melloras nos seus locais sociais. Así, a área de Cultura financia adquisición de mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou instrumentos musicais e tamén traballos de restauración e reforma ou de mellora do illamento térmico así como a instalación de sistemas de calefacción.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “as asociacións e colectivos reciben a través destas liñas de axuda un apoio económico que contribúe a manter a súa actividade, fundamental para garantir o acceso á cultura en todo o territorio”.

Nese sentido, a responsábel nacionalista apuntou que “a maioría das beneficiarias son asociacións de ámbito parroquial ou de municipios pequenos que ofrecen a posibilidade de desfrutar e de participar da actividade cultural máis aló das grandes vilas das distintas comarcas”

Maite Ferreiro valorou que “as asociacións aposten por propostas que involucran á veciñanza, non só como público, tamén como creadora” e concluíu que “a listaxe de beneficiarias devolve a imaxe dun rural dinámico, participativo no que a cultura debe ser un axente de desenvolvemento integral do territorio”.

Comentarios