mércores 08.04.2020

Unha viaxe pola emigración galega a través do patrimonio documental

A nova exposición do Arquivo de Galiza da Cidade da Cultura propón unha viaxe pola emigración galega a través do patrimonio documental. Conformada por preto de 50 documentos que se custodian neste arquivo , a mostra 'Emigrantes: terras, xentes, emocións' poderá visitarse até o 4 de marzo.

Unha viaxe pola emigración galega a través do patrimonio documental

Este novo proxecto expositivo, que se poderá visitar na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo, ofrece un percorrido pola historia do fenómeno migratorio en primeira persoa: coas voces e vidas dos propios protagonistas dese fenómeno.
.
A mostra Emigrantes: terras, xentes, emocións, que cronoloxicamente abrangue o período comprendido entre os séculos XVII e XX, reúne un total de 45 documentos. Deles, 43 proceden dos diversos fondos, tanto de orixe pública como privada, que se custodian no Arquivo de Galiza, e os restantes, dous álbums de postais, son da colección particular dunha familia retornada de Cuba.

A selección que conforma a mostra fai referencia a ámbitos diversos, con información relativa aos transportes, de carácter bancario ou mesmo médico, que reflicten diferentes aspectos da emigración en distintos momentos históricos.

Nela inclúense, entre outros, documentos como a información facilitada por un mourisco arredor do ano 1600 para acreditar a súa “limpeza de sangue”, un memorial do marqués de Bosqueflorido, deputado xeral do Reino de Galicia, no que se relata a emigración de galegos a Portugal no século XVIII; letras de cambio expedidas en Buenos Aires en 1904, a pagar en Ribadeo pola Casa de Comercio e Banca Bengoechea; un cartel de 1911 anunciador do servizo regular de vapores da compañía inglesa Mac Andrews e da súa filial en Barcelona; a historia clínica dunha muller retornada da Habana en 1936, procedente do Hospital Psiquiátrico de Conxo; e cartas escritas desde México ou Arxentina dando noticias de interese particular, pero tamén de acontecementos e situacións de interese xeral. 
 

comentarios