A viaxe a Marte de Frei Benito Xerónimo Feixoo

Andres-Seoane e Rafaela Brocos. Avós de Seoane
photo_camera Andres-Seoane e Rafaela Brocos. Avós de Seoane

Luís Seoane asinou como un máis dos Brocos. Frei Benito Xerónimo Feixoo viaxou a Marte como guía de Modesto Brocos, o retratista de Rosalía. Como? Poñendo a arte ao servizo da utopía. Ou sería ao revés?

I. Sobre os Brocos.

Isidoro Brocos, Modesto Brocos, Filomena Brocos, Juán Brocos, Eugenio Brocos ... todos eles son nomes que destacaron no panorama artístico da Galiza do século XIX e comezos do XX. E tamén Maximiano Brocos, citado outras veces como Maximino Brocos e sempre pseudónimo de Luís Seoane, que afirma, en declaracións a Víctor Freixanes (Unha ducia de galegos, Galaxia, 1982) : “mi padre se apellidaba de segundo Brocos. Parece que tenía cierto parentesco lejano con los Brocos, el pintor y el escultor de finales del siglo XIX”.

O parentesco, de lonxe, lonxe, non viña, mais iso é outra historia. O apelido Brocos concéntrase aínda hoxe no que podemos denominar Terras de Santiago, correspondendo, grosso modo co que era o dominio principal da Casa de Altamira, dos Altamira que están enterrados, unha boa parte, na igrexa de Bonaval, con Rosalía, con Fontán.

b

No caso concreto de Eugenio Brocos, pai de Modesto, posibelmente tivese a súa orixe nas terras de Arzúa, na parroquia de Oíns, Santo Cosme, onde Luís Seoane sitúa, tamén, a orixe de seu pai, Luís Santiago Seoane Brocos, emigrante primeiro en Montevideo. No cemiterio de Oíns hai unha sepultura, no chan e á dereita da porta principal, cunha lápida que di: Rafaela Brocos Pérez, morta en 1932 aos 84 anos. É a avoa de Luís Seoane, dos de Seoane de Fruzo descendente de “aquel Seoane que fundó la casa de Fruzo, en el siglo XVII, de quien nacieron tantos hombres de iglesia, hidalgos y labradores”

Mais deixemos por agora os Seoane e continuemos con Eugenio Brocos. Traballou ao servizo da Casa de Altamira no seu palacio compostelán, unha enorme mansión de case 1200 metros cadrados construída nunha finca de máis de 5000 e derrubada cara a 1870 para construír a praza de abastos. Era pintor e gravador e traballou como “pintor de coches e carruaxes” para os condes de Altamira. Aí medrou Modesto Brocos.

II. Brocos e Feixoo en Marte.

As varias biografías publicadas de Frei Benito Feixoo aportan datos de enorme interese para coñecermos o pensamento de finais do século XVIII, na Galiza e no mundo. Mais hai un dato que non figura: a súa viaxe a Marte como guía de Modesto Brocos. E como coincidiron Feixoo e Brocos se entre a morte dun e o nacemento do outro hai un século de diferenza? Na utopía artística e literaria.

Brocos, Modesto, pintou bastante e tamén escribiu algúns libros sobre arte (Retórica de los pintores, por exemplo). Mais como escritor de ficción é autor dun só libro, publicado en Valencia en 1930, Viaje a Marte.

Trátase dunha novela que describe detalladamente unha utopía social, como debe ser unha sociedade utópica. Mais non contempla un pobo illado a vivir nun loucus amoenus ao modo clásico. Non. Aquí é un planeta enteiro a ser, a vivir, unha utopía.

Na novela o estatismo narrativo está ao servizo do adoutrinamento. Presenta longos monólogos e abundante diálogo e entra plenamente nos mecanismos de difusión do socialismo utópico por máis que, debido ao seu descoñecemento do público, apenas haxa referencia a esta obra en ningún repertorio bibliográfico. O libro é hoxe inencontrábel.

III Chegada a Marte lembrando os campos de Pontevedra

O argumento é sinxelo. Brocos, narra, en primeira persoa e sen ocultar a súa condición nin o seu nome, unha historia que comeza coa chegada a Marte como único pasaxeiro dunha nave irreal. Agradece a Deus permitirlle ver o soño da súa vida, que non era outro que alcanzar ese mundo e así coñecer os seus poboadores, os hábitos e costumes e a súa tradición política.

sepultura-de-Rafaela-BrocosDesde o alto do monte en que a nave pousou dirixe á vista á paisaxe e lembra os campos de Pontevedra. Bótase a andar monte abaixo e topa cos primeiros marcianos, xente amábel que nunca vira un viaxeiro de outro planeta. Topa con Feixoo, que o convida a se aloxar na súa casa e aí acaba toda a acción. O resto son diálogos en que Feixoo vai explicando a Brocos diferentes usos e costumes marcianos. Ou como abordar diferentes situacións de carácter social.

E se teño un accidente?

Que acontece se un marciano ten un accidente laboral? Pois para iso está unha mutualidade universal, á maneira do que hoxe é a Seguridade Social -que por certo non había en 1928 cando se escribe o libro- que paga unha pensión a quen non poida traballar por accidente, enfermidade ou vellice. Neste planeta, en teoría sen leis e case sen Goberno, dáse na práctica un Estado omnipresente que regula os desequilibrios: para os territoriais, por exemplo, exime de impostos os traballadores e industrias das rexións menos favorecidas.

E se me poño doente?

Tamén a saúde é universal. A Medicina é pública e gratuíta, dispensándose os mesmos coidados a todos os enfermos. Os cadáveres incinéranse en beneficio da sanidade pública. A limpeza das cidades realízana os propios veciños, cada un dos cales varre a beirarrúa e a metade da rúa que está fronte á súa casa, existindo dous tipos de contedores para depositar nuns os papeis e trapos e noutro os metais, que se reciclan e reutilizan.

E todo isto, como foi?

Como se conseguiu isto en Marte, que é o que lle gustaría ao autor que houbese na Terra? Foi cando se superaron os tempos bárbaros e se estabeleceron as bases sobre as que se organizou a civilización, rexida por tres principios:

1.- Liberdade absoluta de pensamento que se fai posible cando a razón se sobrepón á intelixencia, o que se alcanza pola instrución.

2.- A desaparición da propiedade privada.

3.- Tres, a emancipación da muller, que é en todo igual ao home.

Naturalmente, hai algunhas cuestións que fican por resolver. A igualdade das mulleres presenta algúns problemas. Non hai relixión oficial, mais Feixoo apresenta un modelo relixioso moi próximo ao de Voltaire.

Viaje a Marte non é a única mais é unha das máis elaboradas utopías. Quédannos dúbidas de por que pensou en Feixoo como guía. E mesmo por que Brocos se empeñou en retratar Rosalía. Algunha hipótese hai, mais ficará para outro día.

..............................................

Imaxes: Lápida: Foto propia

Avos de Seoane: Foto tirada do Luis Seoane, 1910-1979, unha fotobiografia

Capa do libro

Comentarios