"A viaxe de Leslie" de Marcos Nine leva o galego á Seminci

Do 18 ao 25 de outubro desenvólvese en Valladolid a Seminci, o Festival de Cine internacional que nesta 59 edición inclúe no programa unha película con título galego.A viaxe de Leslie de Marcos Nine estreouse na sección documental. 

leslie
photo_camera leslie

O primeiro día de xuño de 1943 nas costas de Cedeira cazas alemáns tombaron un avión comercial que facía a liña Lisboa-Bristol. No atentado morreu o actor Leslie Howard. As incógnitas arredor do acontecido e as razóns do ataque ao avión continúan sendo unha incógnita. Nas preguntas sen respostas afondou o director Marcos Nine no documental A viaxe de Leslie que se estreou en Valladolid na sección Doc España da Seminci. O de Nine é o único filme con título en  lingua non española do apartado de documentais. 

O outro papel de Leslie Howard

Se Leslie Howard era o obxectivo do ataque alemán é unha das cuestións que se abordan no filme, investigando tamén no papel oculto do actor.  A viaxe de Leslie é a segunda longametraxe de Marcos Nine despois de que en 2012 estreara A brecha no Festival de Cine Independiente de Buenos Aires. Da súa autoría son tamén Carcamáns, arredor do desastre do Prestige ou Historia dunha parroquia ademais de varias curtas como Radiografía dun autor de tebeos ou Manuscritos pompeianos. 

En A viaxe de Leslie, Marcos Nine asume a dirección, a montaxe e comparte o guión con Daniela Arias e Pepe Coira. A voz en off é da poeta Lucía Aldao, a fotografía de Jaime Pérez e a música de Nani García. O filme estreouse o día 22 no Festival Internacional de Valladolid que remata o día 25.

Unha historia lineal

O documental dálle a Nine para afondar na biografía da que fora estrela de Hollywood e retratar aquel mundo e tamén as consecuencias da guerra. Para reconstruír a historia, o director fixo un intenso traballo de investigación do que falou na presentación do filme en Valladolid. Segundo recolle a páxina oficial do festival, Nine explicou a relevancia das imaxes de arquivo no filme, tanto documentais como de secuencias de películas do actor. “Quería contar unha historia lineal, cunha estrutura de cine tradicional”, explicou para apuntar tamén o perigo de construír unha historia fragmentaria con tantas imaxes de arquivo. Destacou tamén a sensación de tranquilidade ao asistir á estrea do seu segundo documental. “O tempo que pasa desde que rematas unha película até que se estrea faise eterno, aínda que non sexa moito en realidade”, dixo. 

Comentarios